Actividades nos centros: visita dos alumnos/as do IES de Carral á colección visitable do castro das Travesas

Os alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES de Carral visitaron o 23 de marzo a Colección visitable do castro das Travesas na Casa da Cultura, onde recibiron as explicacións do arqueólogo Antón Malde, director das escavacións arqueolóxicas. A colección está centrada na difusión da historia do castro e o seu contorno, ofrecendo un achegamento á sociedade que habitou o enclave arqueolóxico a través dos obxectos orixinais procedentes das escavacións arqueolóxicas dos últimos anos.
Podería pensarse que nesta visita falouse únicamente dun xacemento da Idade do Ferro; pero Antón, tirou do fío do castro e do que nos contan algunhas das pezas da colección para dar unha idea da importancia do emprazamento estratéxico do castro nun contexto de vías de comunicación moi importante que facilitaba moita circulación de obxectos.
Na colección, entre outros obxectos interesantes, hai un anel de ouro e algunhas moedas que deberon vir por mar, e chegaron ao castro das Travesas en Carral. Estes obxectos falan de conexións entre as Illas Británicas (Britania) e A Coruña (Brigantium) en época romana e con posterioridade, e entre esta e o castro das Travesas. Na Idade Media, seguen existindo conexións gracias ao Camiño Inglés que dirixía aos peregríns desembarcados na Coruña con rumbo a Santiago de Compostela.
Esperamos que nesta visita, os alumnos do IES de Carral, comprenderan que o castro das Travesas non é un ben patrimonial illado, non foi só un poboado fortificado, senón que debemos analizalo nun contexto máis amplo como é o territorio do que forma parte.
Podedes ver o blog sobre o castro das Travesas e a súa colección visitable en: https://castrodastravesas.wordpress.com/