Creando arte no IES de Fene

Durante este curso escolar 2024-2025 o alumnado do IES de Fene creou varios murais no centro. O primeiro deles foi realizado por “Os robots do pazo”, un grupo de alumnado e profesorado que participaron, un ano máis, na First Lego League, onde o reto para o proxecto de innovación xiraba arredor da palabra “Inmersión”. A premisa foi darlle continuidade ao proxecto do curso pasado, “Tocando as Meninas”, que era inclusivo coas persoas con dificultades de
visión. Para iso, propuxeron somerxernos no mar con todos os sentidos. Unha das actividades realizadas foi a decoración da pasarela que une os edificios da ESO e FP do noso IES.

O proceso de decoración foi longo e detallado. Creouse unha experiencia inclusiva con elementos como peixes de cartón con códigos Navilens, un golfiño inchable endurecido con cola e pintado, e medusas feitas con limpa-pipas. Grazas aos códigos Navilens, as persoas con dificultades de visión poden escoitar a información dos elementos expostos. Ademais, incluiron entrevistas realizadas aos mariscadores e mariscadoras da zona para dar visibilidade ao seu labor.
Para potenciar o coñecemento do noso entorno, engadiron un mapa da ría de Ferrol realizado con cortadora láser, infografías sobre fractais e Ángeles Alvariño, unha maqueta do cruceiro Libertad, e debuxos deseñados por Arturo, profesor de tecnoloxía, representando os castelos da Palma e San Felipe, o cabo de faro Prioriño e a lenda da
raíña Mariana de Neoburgo…
Tamén incluíron unha sección sobre a parte máis industrializada cas grúas de Navantia e a súa influencia na ría, representada cun polbo feito cos tapóns doados por ASPANEPS, peixes de chapa galvanizada elaborados polo departamento de Fabricación Mecánica e infografías sobre especies en perigo.
O traballo foi arduo, pero o esforzo pagou a pena. O apoio da comunidade educativa foi fundamental para levar a cabo este proxecto. Ademais, esta dedicación viuse recompensada ao recibir o segundo premio ao Proxecto de Innovación na First Lego League Challenge Galicia.

Velaquí un vídeo resumo do proxecto: https://youtu.be/sEyQy0SFoxI?si=jS_w5yuOPjLtIMxm

 

Outra creación artística que aínda está en proceso é a decoración da sala de xogos do noso IES para facer deste espazo un lugar agradable no que pasar un bo rato xogando a diferentes xogos de mesa. Velaquí algunhas fotos: