Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño en Ponteareas
O día 10 de maio, dentro das actividades do “Mes de Maio, Mes das Letras”, e dentro do programa Ler Conta Moito, os ponteareáns e ponteareás tiveron puideron coñecer un pouco máis a vida e obra da figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, ano 2013.
A este acto foran convidados pola Biblioteca Pública Municipal, e polo Servizo de Normalización Lingüística, todos os asistentes á biblioteca e todas as persoas relacionadas co mundo da cultura. Consistiu este evento nunha escenificación dun dos cadros de “Saxo tenor”, de Roberto Vidal, a cargo da actriz Laura Ponte, impulsora xunto con el, da primeira compañía profesional do teatro galego, Teatro Antroido, e compañeira de viaxe no aspecto persoal e profesional.
A continuación da escenificación, Roi Vidal, fillo do homenaxeado e de Laura Ponte, achegoulle ao público asistente a figura de Vidal Bolaño dun xeito vivencial e profesional, descubrindo un traballador incansable pola cultura, pola sociedade e pola lingua.
O acto contou coa presenza de aproximadamente cen persoas, que quedaron marabillados coa representación e que se achegaron a Vidal Bolaño dun xeito moi ameno e no que houbo unha constante interrelación co público asistente, algúns deles coñecedores persoais do homenaxeado.