Con Teatro continúa “Letras Galegas 2016” en Cee
Coa colaboración da Concellería de Cultura e Festexos do Concello de Cee e o programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” programou para a mañá do venres, 20 de maio, a obra “Catalina Lino Lina” a cargo de GlupGlup Teatro. Asistiron a función, 160 rapaces de 1º e 2º curso de educación primaria dos colexios Eugenio López e Manuela Rial Mouzo de Cee, nenos e nenas que encheron de sorrisos as diferentes instalacións da nova Casa da Cultura. Cunha atractiva e divertida posta en escena, GlupGlup Teatro ofrece unha peza teatral enfocada a transmitirlle ao público infantil a paixón polos libros, a través dunha personaxe “Catalina Lino Lina” que farta de agardar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita, decide escapar para vivir as súas propias aventuras, facendo partícipe delas a un auditorio que vai a disfrutar durante toda a función.