Hoxe traémosvos a Xente Dixital unha pequena guía con consellos para pais e nenos en Internet. Ampliamos a información da que vos falábamos días atrás (ligamos contido luns) e comezamos.
En primeiro lugar, aínda que o repetiremos ao final, como colofón, do que se trata é de aplicar o sentido común, e ter “sentidiño”. Así, non debes facer en internet nada que non fagas na vida real. E este ha de ser o principio que guíe o voso rumbo pola rede
SEGURIDADE
É moi importante, sobre todo se utilizas unha plataforma windows (pero non estritamente para os usuarios desta plataforma), que instales un antivirus na casa. Aquí van un par de opcións para que valores o que máis che interesa: avast, nod32, Microsoft Security Essentials.
Tamén é interesante que lle botes unha ollada ao tocante a control parental. As ferramentas de control parental permitiranche establecer límites no uso do equipo por parte dos máis pequenos; qué programas e xogos poden utilizar, que webs poden ver e cales non… Bótalle un ollo a esta ligazón para afondar no tema e atopar algún programa que che axeite
NORMAS
A liberdade de internet non debe ser escusa para establecer unhas pequenas normas á hora de navegar pola rede. Este tipo de pautas son básicas para que a navegación non se converta na actividade principal fóra do horario escolar. Velaquí che ofrecemos unhas cantas propostas, pero convidámoste a que nos envíes as túas.
- Establecer uns horarios restrinxidos, máis ríxidos pola semana e máis relaxados o fin de semana.
- Non permitir as compras por internet sen consultalo cos maiores (especialmente importante se nos referimos a teléfonos móbiles)
- Colocar o ordenador nunha zona común.
- Diálogo. É moi importante, como cando ves a televisión.
Amplía información a través da guía “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” editada pola Xunta de Galicia.
Como este é un tema que dá moito de si, gustaríanos que nos fixeses as preguntas que estimedes oportunas e prepararemos novos artigos ao respecto. Por exemplo, como actuar en caso de ciberacoso.

