[Entrevista] “Navega con Rumbo” dende a perspectiva dun docente

Esta semana, que lla adicamos aos nenos e á Internet, falamos do programa “Navega con Rumbo polo ciberespazo” impartido por informáticos colexiados do CPEIG. E quen mellor ca eles, que viven o programa en primeira persoa, para explicarnos cómo foi a aventura! Felipe Martínez Hermo, membro do CPEIG, descúbrenos o que non se ve a simple vista en “Navega con Rumbo”, aquí vos deixamos a entrevista que lle fixemos!

En que consiste o programa “Navega con rumbo polo ciberespazo”?

Grazas a un acordo de colaboración do CPEIG coa Xunta de Galicia, ofrecemos charlas divulgativas nos centros de primaria e secundaria nas que lles presentamos aos rapaces as avantaxes que lles ofrece Internet ao tempo que lles amosamos os riscos dos que se deben protexer,como o ciberbullying (acoso por parte de compañeiros ou amigos) ou o groomig (acoso por parte de adultos para a obtención de contido erótico ou sexual).

Como foi a experiencia? Foi positiva? Por que?

Totalmente positiva. Sorprendeume a atención coa que os rapaces recibían as charlas. Mostraron moitísimo interés e foi moi satisfactorio ver cómo saían das charlas máis conscientes da importancia de facer un uso responsable da rede.

Que carencias detectades nos rapaces e rapazas?

O descoñecemento das repercusións que teñen a súa actividade na rede. Ata o de agora , ninguén lles ensinou a repercusión que pode ter publicar unha foto comprometida en Facebook ou Twitter ou enviala por Whatsapp. Desgraciadamente, algúns deles o están aprendendo do xeito máis duro,con experiencias moi desagradables. Case a diario aparecen novas nos medios relacionadas coa difusión de contenidos ou acoso a menores. Non se dan conta de que os protagonistas desas novas son rapaces coma eles.

E nos pais?

A permisividade e a falta de vixilancia. É sorprendente ver a elevada proporción de nenos de 7 e 8 anos que teñen contas en redes sociais como Facebook ou Twitter que non permiten o acceso a menores de 13 anos. Cando chegan á adolescencia,prácticamente todos teñen smartphones,incluso de gama alta con acceso libre a internet e todo tipo de aplicacións. Eles son os que administran o teléfono e non os seus pais, que non teñen control sobre o que fan co terminal. Unha aplicación como o Whatsapp é unha bomba de reloxería nas mans dun adolescente,pero se lles permite usala porque todos os seus compañeiros o fan e serían excluídos se non están accesibles nesa rede social.

Algún consello para os país á hora de abordar a Internet cos seus fillos?

Que dediquen tempo a navegar cos seus fillos, especialmente nas idades tempranas, cando comezan a usar o ordenador. Que sexan eles os que lles descubren o mundo de Internet de xeito que se manteñan como unha referencia a donde os seus fillos poidan acudir cando teñan algunha dúbida ou cando se atopen nunha situación comprometida de acoso.

Algunha anécdota para destacar no programa?

Tratándo con nenos dende 7 anos…imaxínese. Ducias. Lembro unha rapaza duns 9 anos que atopou aberto o perfil de Facebook da súa prima de 16 e pasouno pipa mirando fotos da súa prima bicándose co seu mozo. Unha hacker en toda regla!

Como cres que se pode mellorar a seguridade informática no fogar

?

No apartado técnico, pouca cousa: chega con ter unhas contrasinais mínimamente robustas (nada de 1234), ter actualizados o sistema operativo e o antivirus e estar alerta cando nos atopemos en redes fóra da nosa casa, xa que poden ser inseguras e ter perigos axexando.

En canto ao uso, quizáis a regla máis importante para os nenos sexa non contactar nunca con persoas que non se coñezan no mundo real, xa que é moi sinxelo impostar unha identidade. Polo demáis, moito senso común: ignorar o spam, os bulos, sorteos e premios incribles…etc. En definitiva, filtrar moito e ter moito senso crítico.

Algún consello ou recomendación final que resuma o programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo”?

Que non se lle teña medo a navegar pola rede. É necesario para os nosos fillos sentírense parte do mundo virtual, pero ó igual que non deixamos que cativos de 4 anos vaian sós pola rúa, tampouco os debemos deixar sós cando van por esa gran cidade que é Internet. Os mundos reais e virtuais son bos e malos por igual, e debemos estar presentes en ambos. O que sí debemos ter presente é que nos dous é preciso “ter sentidiño”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.