O luns lembrabamos cal foi o punto de partida do Plan de Banda Larga da Xunta que se desenvolve en Galicia dende o ano 2010. Hoxe atendemos aos logros acadados e botamos un ollo aos próximos retos. Que vos parece a lista de obxectivos?
O Plan de Banda Larga conseguiu, en primeiro lugar, reducir a fenda dixital existente entre as provincias do interior e as do eixo atlántico. Na Coruña e en Pontevedra pasouse dun 77 a un 98% de cobertura. En Lugo e Ourense, a inicios do 2010 había un 57% de cobertura e a finais de 2014 un 98%.
Tamén se mellorou en cobertura dos puntos de servizos públicos. O 100 % dos centros educativos, xulgados, centros sanitarios e farmacias xa dispoñen de cobertura de banda larga de calidade. Ademais, o novo contrato de telecomunicacións da Xunta incrementará, en máis do triple de media, o largo de banda de máis de 2.300 centros.
Nos últimos catro anos incrementouse a porcentaxe de fogares que contratan conexión de banda larga. No 2010 a porcentaxe de fogares con internet era do 46,5%, aumentando ata o 69,1% no 2014. No caso dos concellos de 50 a 100.000 habitantes, a máis do 80%.
Por último, xa no 2013 había máis de 1.400.000 galegos con cobertura de redes de nova xeración que permiten velocidades de ata 200 Mpbs.
Os próximos retos
Despois de 4 anos de Plan de Banda Larga o camiño continúa para cumprir os obxectivos marcados por Europa. A Axenda Dixital de Europa pilar da Estratexia Europa 2020, define os seguintes obxectivos de conectividade para o ano 2020:
- Todos os galegos con acceso a redes por enriba de 30Mbps.
- A metade dos fogares galegos conectados a redes de cando menos 100Mpbps.
A Xunta avanzou que para acadar esta meta se investirán máis de 100 millóns de euros, que veñen sumarse aos 230 millóns que desde 2010 – entre financiamento público e privado – se levan investidos.



