Guía práctica | Seguridade e privacidade en Twitter

twitter-292994_640

Nas últimas guías prácticas atendemos á privacidade e á seguridade en Facebook e Google+. Hoxe adicamos un minuto a revisar a configuración de seguridade e privacidade en Twitter.

Entrade no voso perfil de Twitter e arriba á dereita, á esquerda do botón “Twittear”, facede clic na icona coa foto ou o logo e seleccionade “configuración”. No menú da esquerda tedes que seleccionar “seguridade e privacidade”. Comezamos?

Twitter_seguridad

Twitter permítevos, en primeiro lugar, enviar peticións de verificación de inicio de sesión ao teléfono ou á aplicación de Twitter. Levaravos uns segundos máis entrar pero é unha boa maneira de asegurarse de que só vós usades o voso perfil. En canto á seguridade, tamén podedes indicar que queredes que Twitter requira información persoal para recuperar o contrasinal.

No control de privacidade podedes seleccionar que só queredes vos etiqueten en fotos as persoas ás que seguides ou que non o faga ningún usuario. Por defecto, pode etiquetarvos calquera. Tamén tedes a opción de protexer os vosos tuits; desta maneira só os usuarios que aprobedes (chegaravos unha solicitude de seguemento) poderán ver os tuits que publicades.

Cando usamos Twitter temos que ser conscientes da información sobre nós que transmitimos. Tedes seleccionada a opción de “engadir ubicación aos meus tuits”? Tamén podedes decidir se queredes que outros vos atopen por correo electrónico.

Por último, sodes vós os que decidides se queredes ver contido promocionado (publicidade). Twitter amósanos anuncios sobre temas nos que amosamos interese. Como funciona? Atentos á nosa sección de guías prácticas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.