A Consellería de Medio Ambiente vén de presentar un visor xeográfico con información sobre a rede de espazos naturais e da biodiversidade de Galicia. Para descubrilo só tedes que facer clic aquí.
Calquera persoa ten acceso aos datos relativos á superficie dos espazos naturais, ás súas zonificacións concretas, toponimia, coordenadas, referencia catastral e aos elementos de flora e fauna que caracterizan eses lugares. A información organízase por capas combinables entre si. Podedes, por exemplo, obter os límites dun parque natural coa información topográfica e sobre a rede viaria que lle dá servizo. Toda esta información é descargable en calquera formato.
En canto aos espazos naturais, pódese obter información sobre a Rede Natura 2000 que contén as Zonas Especiais de Protección para as Aves (ZEPA), as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e a zonificación do Plan Director da Rede Natura 2000.
No apartado da Rede Galega de Espazos Protexidos inclúense os Parques Nacionais e Naturais, os Humidais Protexidos, as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, os Monumentos Naturais e as Paisaxes Protexidas.
Por outra banda, podedes consultar a zonificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural das Fragas do Eume. Elaborouse unha cartografía coa zonificación que o afecta e as fincas do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas. Buscábase dar resposta a unha antiga demanda da poboación que ten propiedades dentro do parque.
Tamén están os Espazos Privados de Interese Natual (EPIN) e os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL). E as Reservas da Biosfera: Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Terras do Miño, Río Eo, Oscos e Terras de Burón, etc.
Por último, creouse unha agrupación coa información relativa á Biodiversidade na que atopamos capas de información coa localización das Árbores e Formacións Senlleiras e as Áreas prioritarias e de Protección da avifauna. Inclúe información das áreas de presenza de especies ameazadas.


