A emerxencia das redes sociais e a súa integración no día a día de milleiros de persoas ao longo e largo do mundo, constitúe un cambio tecnolóxico de enorme transcendencia, porque determina novos xeitos de relacionarnos, controlar a información, facer política, educar, comprar ou vender. O galego non está nin pode estar ausente destas novas formas de facer. De feito, temos moito que dicir en galego nas redes sociais! A continuación, deixámosche varias redes sociais que podes utilizar en galego:
1.- Facebook en galego
A rede social máis grande do planeta, Facebook, permite ser configurada en galego dende hai xa anos. Podedes cambiar a configuración de lingua (se non o fixestes) a través dos axuste (un botón con forma de engranaxe na esquina superior dereita da pantalla) e accedendo a: Configuración de conta > Idioma (premer o botón “editar”) e escoller galego da lista de linguas dispoñible.
2.- Twitter en galego
Dende fai poucos meses, twitter inclúe o galego como lingua para poder interactuar coa plataforma.
Grazas á colaboración de toda unha comunidade de tradutores e ás campañas que animaron aos usuarios a solicitar a incorporación do galego como lingua. Dende este espazo, desexamos que tradución das aplicacións móbiles chegue pronto!
Para cambiar twitter á lingua galega debedes ir aos axustes (esquina superior esquerda, o botón situado entre a barra de procura e o botón de escribir un twitt) e premer en Settings/axustes. Alí, no desplegable de linguas, escollede o galego.
3.- Cabozo
Outras redes sociais que funcionan en galego son as que se crearon dende Galicia. A máis veterana é Cabozo, que xurdiu no 2007 e ten actualmente arredor de 7000 usuarios. Elaborada con código propio, funciona integramente en galego e está especificamente dirixida á sociedade galega, que achega a maioría dos usuarios, aínda que tamén está aberta a persoas doutras partes de España e do mundo (Alemaña, México, Brasil, Portugal, Arxentina…). As súas funcionalidades son semellantes, ou mesmo superiores, ás que ofrecen as redes sociais internacionais
4.- Latrica
Latrica é unha rede social galega máis ben semellante a twitter en canto a apariencia, aínda que nada ten que ver coa rede social dos 140 caracteres.
Nace no ano 2010 aporta algunhas novidades. O obxectivo dos seus creadores foi ofrecerlles unha ferramenta a persoas que “tivesen un nexo de unión común, que falasen en galego ou se atopasen en Galicia, unha maneira máis sinxela de poder atopar xente máis próxima a ti”. Actualmente conta con máis de 1000 seguidores
Coñeces algunha outra rede social en galego? Cóntanos cal!

