Abertos. A aposta da Xunta pola liberalización dos datos

A reutilización da información do sector público (RISP) procura que os datos xestionados e e postos a disposición polos organismos públicos poidan ser utilizados por persoas ou empresas. Esa reutilización produce un beneficio tanto para as administracións que publican os datos como para os cidadáns.

Esa reutilización de datos do sector público, de “datos abertos” (falamos onte deste concepto, lembras?) precisa dunha plataforma en liña para publicar o seu catálogo de información pública, con datos de acceso libre.

Abertos, o portal de Open Data da Xunta de Galicia

abertosAbertos, dispoñible en liña a través de http://abertos.xunta.es/portada, é a aposta pola Xunta de Galicia para sumarse á transparencia pública a través dos “datos abertos”.

Este portal dispón dunha estrutura onde poder atopar un catálogo de datos sinxelo e eficaz para facilitar a localización e reutilización dos conxuntos de datos dispoñibles no catálogo.

María José García Sexto, directora da Área de Modernización das Administracións Públicas da Amtega, cóntanos máis polo miúdo a experiencia do portal Abertos

Como xorde a iniciativa?

A finais de 2011 a  Xunta de Galicia publica o Decreto que regula a presenza da Administración Xeral do Sector Público en Internet co obxectivo de garantir a transparencia informativa e impulsar a participación cidadá a través das redes sociais avanzando cara un Goberno aberto.

Unha das obrigas dese decreto era a de facilitar, de forma progresiva,  o acceso á esa información reutilizable por medio dun espazo único. E deste xeito se materializou en marzo de 2012 o portal Open Data da Xunta de Galicia http://abertos.xunta.es cun catálogo inicial de 250 conxuntos de datos de interese público,  a disposición da cidadanía e empresas a información a súa reutilización,  Naquel momento e, pese a ser cronoloxicamente, a 9ª iniciativa deste tipo en España, situábase na 5ª posición en canto ao volume do seu catálogo inicial.

A posta en marcha de Abert@s foi un paso máis no proceso de modernización da Administración autonómica para mellorar a accesibilidade dos cidadáns aos servizos e a información que Administración pon á súa disposición, acorde coas necesidades dunha verdadeira administración electrónica.

Que beneficios reporta?

Facilitando o acceso a estes datos o Goberno autonómico avanza un paso máis no cumprimento do principio de transparencia informativa, pois os datos xerados pola propia Administración teñen un enorme valor pola súa fiabilidade e calidade.

Tamén se fomenta a colaboración, a eficiencia e a igualdade de oportunidades, xa que os cidadáns e as empresas poden crear servizos que resolvan as súas necesidades en colaboración coa Administración e acceder aos datos en igualdade de condicións.

Os beneficios da apertura de datos públicos son tanto sociais como económicos. No primeiro caso porque lles ofrecen aos cidadáns a posibilidade de mellorar a súa información e coñecemento acerca das actividades das institucións públicas e ademais, para as tarefas da vida cotiá, a opción de empregar servizos baseados na reutilización.

Na vertente económica hai que pensar nos múltiples beneficios que reporta ás empresas en tanto que se facilita o desenvolvemento de novos servizos e produtos e, polo tanto, se fomenta a creación de traballo na industria de contidos dixitais ao impulsar un mercado de reutilización entre empresas infomediarias e outros axentes reutilizadores.

Algún caso concreto salientable?

Máis que destacar datos concretos, salientamos a colaboración interdepartamental na creación do catálogo Open Data da Xunta de Galicia, especialmente de organismos como o Instituto Galego de Estatística, o Instituto de Estudos do Territorio ou MeteoGalicia, pola achega de datos de notable calidade e en formatos que facilitan a súa reutilización por parte de terceiros.

Que futuras incorporacións de datos tedes en mente?

Ademais de seguir nutrindo de novos conxuntos de datos o catálogo Open Data da Xunta, nestes momentos o esforzo principal está orientando máis a unha mellora da calidade semántica do catálogo actual, co fin de  mellorar as posibilidades de reutilización dos conxuntos que xa están publicados. Por exemplo,  estase engadindo a xeorreferenciación de determinados servizos e equipamentos, incorporando metadatos que sigan unha estrutura común e estándar que poida ser compartida por outras administracións ou definindo taxonomías que permitan clasificar os conxuntos de datos da Xunta dentro doutros catálogos.

Podería darnos algúns exemplos de aplicacións prácticas que estean en marcha e que beban do portal Abertos?

Na sección Experiencias de http://abertos.xunta.es estase a facer difusión de todas aquelas aplicacións prácticas que se teñen desenvolvido a partir de datos publicados no portal, tanto para plataformas web como móbiles. Algunhas das mencionadas neste espazo xurdiron de datos procedentes de Abert@s que determinadas empresas reutilizadoras empregaron como base para engadirlle outra información, caso por exemplo de Eleccións Galicia, que permitía a consulta dos resultados das eleccións de 2005 e 2009 (publicados en Abert@s) ao tempo que incorporaba en tempo real, o avance do escrutinio de xornadas electorais (como a de 2012).

Destacaríamos de todas elas a aplicación Biblioguía en tanto que se nutre, non só de datos que a Xunta publicou no portal Abert@s, se non tamén dos procedentes doutras iniciativas postas en marcha noutras comunidades autónomas. Neste sentido, é un exemplo que pon de manifesto a necesidade de cooperación e harmonización entre todas as Administracións públicas en termos de reutilización de datos, de como se poden aproveitar de forma eficiente as sinerxias levadas a cabo por estas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.