O primeiro en definilos foi Clark Abt no seu libro Serious Games, no ano 1970. No 2005, Mike Zyda incorporou a definición ao seu artigo From Visual Simulation to Virtual Reality to Games: ‘proba mental, levada a cabo frente a unha computadora dacordo cunhas regras específicas, que usa a diversión como modo de formación gobernamental ou corporativo, con obxectivos no ámbito da educación, da sanidade, da política e da comunicación estratéxica’. Son videoxogos que buscan algo máis que entreter.
Clasificación
Julián Álvarez e Olivier Rampnoux, do European Center for Children’s Products, da Universidade de Poitiers, propoñen 5 categorías:
- Edutaintment games. Xogos educativos.
- Advergaming. Xogos destinados á promoción dunha marca.
- Subergames. Xogos de crítica e denuncia contra unha gran empresa, por exemplo.
- Xogos de simulación. Xogos creados, entre outros fins, para o entrenamento de corpos de seguridade.
- Edumarket games. Poden englobar varias das categorías anteriores.
Dentro destas categorías inclúense os newsgames, xogos periodísticos, os art games, que fomentan a creatividade artística, ou os games for health, xogos para a saúde pensados, por exemplo, como terapia psicolóxica ou para a rehabilitación física.
Fun & Serious Game Festival
Creouse no 2011 para recoñecer aos mellores videoxogos de ocio e serious games do ano. Este ano a cita é do 25 de novembro ao 1 de decembro en Bilbao. Botamos un ollo aos serious games gañadores na edición do ano pasado:
- Dragon Box – Mellor videoxogo educativo. Videoxogo infantil que introduce aos máis pequenos no mundo das matemáticas. O xogador supera mundos e niveis para ver medrar aos seus dragóns.
- Triage Trainer – Mellor videoxogo de saúde. Software desenvolvido para a formación e reciclaxe en triage –método que emprega a medicina de emerxencias para clasificar as vítimas duha catástrofe–.
- Disney Stars (Disneyland París) – Mellor videoxogo de simulación. É unha axencia virtual pensada para axentes de viaxes encargados de vender viaxes a Disneyland París. En 8 idiomas e 5 versións diferentes, en función das costumes do país elixido, enfronta aos axentes a situacións como as que van atopar no mundo real.
- Codex do Peregrino – Mellor videoxogo de cultura. Proxecto para achegar aos mozos o Camiño de Santiago, a súa cultura e o seu trasfondo histórico.
Agora que sabemos que os videoxogos van moito máis alá do tempo de ocio, só queda atopar a videoconsola e o xogo que máis se axuste ás nosas necesidades. A que serious game vos gustaría xogar?

