Se é habitual que moitas empresas descoiden o blog e as redes sociais durante o ano, imaxinade nas vacacións de verán. Construír a imaxe de marca na rede é un traballo que temos que coidar todos os días e abandonar as redes sociais nas vacacións provoca unha perda de prestixio na rede.
Pola súa parte, os usuarios cambian de rutina pero seguen sendo activos en redes sociais. Non podemos abandonalas nin pode descender a calidade dos contidos.
Prohibido colgar o cartel de “pechado por vacacións”
O mundo online e o físico non funcionan da mesma maneira. As redes sociais non son unha canle na que falamos de que servizos ofrecemos cando nos interesa; son a conexión entre os clientes e a empresa e a eles non podemos responderlles a partir do 1 de setembro.
Atención ao cliente 12 meses ao ano
As redes sociais estanse a converter na principal canle de atención ao cliente de moitas empresas. Durante os meses de verán, como durante o resto do ano, é importante responder a mensaxes e comentarios o antes posible. Imaxinade a diferenza entre unha empresa cunha comunidade importante de seguidores e con boas opinións en Facebook, TripAdvisor, etc., e outra que non coida os contidos e da que podemos atopar moitas opinións negativas na rede.
Contidos de calidade tamén para o verán
A época do ano determina o tema que escollemos pero non a calidade dos contidos que creamos. Pensade que o que transmitimos a través da rede é un reflexo do que facemos fóra.
Os community managers teñen dereito ás vacacións
O ideal é que haxa máis dunha persoa que participe da comunicación da empresa para que poidan repartirse o traballo no verán. Podemos externalizar este servizo pero asegurándonos de contar con alguén que coñeza a empresa e o sector de actividade ao que pertence. Para os que non poidades delegar nin pagar a ninguén, o venres darémosvos algúns consellos para que poidades collervos uns días mantendo o nivel de actividade en redes sociais. Iso si, desconectar vai ser complicado.


