Unha web que nos devolve á historia de Santa Comba nos últimos cen anos, prexubilados que ofrecen o seu tempo e coñecementos para ensinarlle a Internet aos seus vecinos… que teñen en común estes proxectos? A solidariedade e o entorno dixital.
O voluntariado dixital ou cibervoluntariado é unha fórmula relativamente nova que combina o ámbito do voluntariado e as novas tecnoloxías no que están a profundizar algunhas asociación de voluntarios e, dun xeito máis novidoso, as administracións públicas, coma é o caso galego.
A Xunta de Galicia, a través da Amtega, puxo en marcha o programa de Voluntariado Dixital http://voluntariadodixital.xunta.es como unha fórmula para impulsar a participación social en Galicia, loitar contra a fenda dixital e abrir un espazo para que todos os galegos e galegas se poidan introducir na sociedade da información e o coñecemento.
Voluntariado Dixital une recursos públicos, privados e impulsa a labor altruista dos voluntarios dixitais para adaptar aos “analóxicos” (porque non se trata en todos os casos de maiores) ás novas TICS.
Administración Pública
A Amtega, organismo pertencente á Xunta de Galicia que xestiona a súa estratexia tecnolóxica, desenvolve o programa Voluntariado Dixital, ao que se pode acceder a través da seguinte web https://voluntariadodixital.xunta.es/ para atopar toda a información sobre o mesmo. Nesa web atoparedes información básica do proxecto, así como o listado de entidades colaboradoras, aulas e oportunidades de apoios dixitais.
Tamén se uniron a este proxecto as tres universidades galegas, para incorporar a 150 estudantes e profesores universitarios de telecomunicacións e informática ao programa.
O obxectivo, incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá dos cidadáns galegos, facendo especial fincapé nos colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
Mecenas dixitais
Máis dunha 20 de empresas do sector tecnolóxicos colaboran co programa. Cómo? Actuando como mecenas dixitais; ofrecen material tecnolóxico e informático ou espazos onde poder desenvolver a actividades e achegado a experiencia dos seu profesionais que imparten charlas ou seminarios.
Unha das empresas que colabora é Balidea, onde Óscar Vázquez que nos conta a súa experiencia como mecenas dixital
Por qué ser colaboradores de Voluntariado Dixital?
A través dun contrato coa Amtega par desenvolver o proxecto web de Voluntariado Dixital, xurdiu estoutra colaboración, de maneira altruísta e solidaria, pola cal desenvolvemos e ampliamos o portal web, así como colaboramos coa cesión de material informático para outros centros sociais que o precisen, cando facemos a reciclaxe de pcs. Tamén aportamos capital humano, cando algúns traballadores da nosa empresa ofrecen formación específica sobre algún tema en concreto (estou pensando en wordpress, pasounos hai uns meses)
Qué vos aporta?
O que nos aporta é, sen dúbida, moito. A simple sensación de estar a facer algo útil e importante para a sociedade xa é motivo de satisfacción, sobre todo cando se trata de persoas maiores.
Recomendaríadesllo a outras entidades privadas?
Por suposto que llo recomendaría a outras empresas. Poder revertir na socieadade todo o que obtemos dela é importante, e se nun lugar como Galicia podemos contribuír á redución da fenda dixital, aínda máis.
Voluntarios, os auténticos protagonistas
Se hai agún protagonista neste programa de Voluntariado Dixital, eses son os VOLUNTARIOS, os que fan posible que a fenda, pasiño a pasiño, desapareza. Os que permiten que persoas que nunca se achegaron a un ordenador, ben sexa por descoñecemento, por medo ou por ambos, se asomen a esta fiestra dixital das novas tecnoloxías.
Voluntarios como Luis Varela, que executou, coa axuda de máis de 400 veciños, un antigo proxecto do concello de Santa Comba, como era reunir nun espazo dixital miles de fotografías que ilustrasen a historia da comarca (e que podedes visitar en www.santacombanamemoria.com).
Ou voluntarios como Manuel Abelleira, mestre de profesión, e afeccionado á tecnoloxía, que decidiu compartir as súas nocións informáticas con aquelas persoas interesadas nas novas tecnoloxías que nunca se puideron achegar a este mundo, na parroquia dos Tilos, en Teo.
Se queres ser un voluntario dixital ou tes algún tipo de interese no programa, non deixes de chamar ao 900 400 800, aínda que, sendo un entorno dixital, igual prefires enviar un correo electrónico a voluntariodixital@xunta.es
Velaquí os requerimentos que se solicitan para ser un voluntario Dixital, un programa aberto a todos os maiores de 18 anos
- Ter 18 anos ou máis
- Coñecementos de informática a nivel usuario
- Habilidades sociais de mobilización
- Transmisión de coñecemento e información
- E o máis importante, entusiasmo e ganas de compartir o teu tempo e os teus coñecementos
Entón que? Anímaste?

