De viaxe á aula cemit… de Boiro!

Como cada mes, achegámonos a unha das aulas CeMIT que a AMTEGA ten espalladas por toda Galicia. Desta vez toca achegarse á costa e coñecer a Samuel Rodríguez Lado, o responsable da aula CeMIT de Boiro.

Samuel_BoiroSamuel é o responsable da aula e, ademais, impulsor dunha novidosa plataforma de comunicación e intercambio lingüístico e cultural dirixido a emigrantes. Coñezamos con máis detalle a súa experiencia

Como é a experiencia dunha Aula CeMIT nunha zona como a túa, Samuel?

A Aula CeMIT de Boiro está no centro do núcleo urbano principal con máis de 9.500 habitantes. Unha boa ubicación pola súa comodidade para acudir a ela dos usuarios/as que nos visitan. Por outra parte algunhas veces saímos con unha aula itinerante que consta de 7 ordenadores portátiles e con eses equipos si que nos desprazamos as parroquias do rural que pertencen ao concello. Acudimos aos locais socias das parroquias con actividades puntuais; aínda que xa fai algún tempo que non se realizan, tiveron moi boa acollida por parte dos veciños e veciñas.

A fenda dixital… existe cos emigrantes que veñen a Galicia?

No caso de Boiro si que se nota un pouco a fenda dixital emigrantes que acoden a Aula CeMIT; nos primeiros pasos hai que axudalos/as moito e incluso nalgúns casos facemos cursos específicos para inmigrantes en colaboración coa Cruz Vermella.

En que medida a aula CeMIT de Boiro contribúe á integración dos emigrantes na túa terra?

No noso caso é un dos principais lugares nos que se reúnen, porque teñen acceso gratuíto á rede e por falta de medios nas súas casas non contan con conexión, nin con ordenadores. Aquí teñen todo o que precisan para aproveitar as novas tecnoloxías.

Seguro que tanta diversidade cultural dá para algunha anécdota interesante, cóntanos algunha!

A verdade e que si, anécdotas hai moitas pero non so cos inmigrantes senón con todo tipo de usuarios que se achegan a Aula. As persoas maiores pensan que as pantallas xa son táctiles, e co tema dos móbiles e as tablets despístanse un pouco.

Recordo tamén os problemas duns mozos de orixe senegalés que non entendían nada o castelán e querían crear contas de correo e mais de facebook… foi toda unha odisea entendernos e máis levar a cabo un cometido tan sinxelo como o de dar de alta dúas contas tan frecuentes!

Sen embargo, tratas a emigración de xeito bidireccional, e tamén andas a artellar un proxecto para axudar aos galegos que marchan fóra. Fálanos máis deste proxecto!

O Proxecto “Preto da Xente”, ten varias liñas de actuación.

Por unha banda estamos a realizar uns faladoiros TiC para facilitar a comunicación dos familiares que quedan aquí coas persoas que marchan para fóra. A realidade indica que non só marchan mozos, senón que tamén o fan persoas de mediana idade.

En moitos casos, as súas familias descoñecen os medios que hai dispoñibles para facer unha videoconferencia, e dende a aula creámoslle a conta para poder facer videochamadas e ensinámoslle a conectarse ata que o poden facer por elas mesmas.

Por outra banda estamos traballando nunha plataforma web de intercambio de coñecementos e testemuños reais de persoas que están vivindo fóra. Estas persoas relatan a realidade que viven no pais ou na cidade na que residen na actualidade e explican o que se necesita para traballar alí, como conseguir unha vivenda, etc. Tamén temos unha sección de consellos e outra de contacto para que persoas que están pensando en viaxar ou emigrar poidan preguntar dúbidas ou incluso conseguir axuda co idioma.

Samuel, durante unha das súas actividades na aula CeMIT de Boiro

Samuel, durante unha das súas actividades na aula CeMIT de Boiro

Como é a acollida das actividades que realizades na aula?

Pois as actividades da Aula CeMIT teñen moi boa acollida realizamos unha media de 8 ou 9 cursos ao mes e case sempre se cobren as prazas en poucos días; normalmente a xente ten moi boa resposta á formación.

A pesar de que facemos cursos de nivel un pouco técnico como Deseño Gráfico, Edición  e Montaxe de vídeo, uns dos que teñen máis demanda son os de Inicio á Informática e Internet onde queda claro que aínda existe a fenda dixital. No entanto, no último ano xa o notamos en menor medida e as/os usuarios comezan a demandar máis curso de nivel medio.

Tamén teñen moita demanda ultimamente os cursos de ofimática (Writer, Calc, Base, Impress), eu creo que é pola repercusión do CoDIX.

Grosso modo, cantos usuarios ten a Aula Cemit de Boiro?

Na aula pasamos dos 1350 usuarios rexistrados con un gran índice de visitas diarias porque temos dúas aulas, unha de formación e outra de uso libre. Na aula de formación poden pasar unhas 36 persoas diarias e na de uso libre preto das 40 visitas.

 

Dende Xente Dixital seguiremos os proxectos da Aula CeMIT de Boiro, “Preto da Xente” dará que falar nos vindeiros meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.