.gal a 29/09/2014

dominio_puntogal

A mediados de setembro abríase unha nova fase de lanzamento do dominio .gal, deseñada para grupos con dereitos preferentes como, por exemplo, as entidades que promoven o galego, administracións públicas, propietarios de marcas, etc.

Establecéronse 5 categorías de prioridades dentro da Fase Abrente:

  1. Marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH), base de datos de marcas establecida pola ICANN, o organismo que goberna as direccións en internet.
  2. Marcas do TMCH que non cumpren os requisitos pero que queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non activen ao principio a súa páxina baixo os requerimentos de dominio .gal.
  3. Administracións públicas con competencia en Galicia e entidades de promoción da cultura e a lingua galegas. Poderán solicitar nomes xeográficos con relevancia, os nomes das entidades, os dos seus servizos en liña ou os das súas marcas rexistradas.
  4. Marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia. Tamén as denominacións de orixe rexistradas.
  5. Calquera que tivese unha web e veña promovendo a cultura e a lingua galegas nas súas comunicacións en liña. Pode solicitar o seu propio nome ou o dos dominios rexistrados e usados.

As categorías determinan o prezo a pagar (65€ para as categorías 1 e 4, 170€ para a categoría 2 e 50€ aprox. para as categorías 3 e 5) e a preferencia para solicitar un dominio concreto; para un mesmo dominio ten preferencia o solicitante da categoría superior. O prazo de todas as categorías do Abrente remata o 18 de novembro menos o da categoría 3, que remata o 25 de novembro.

En paralelo á Fase Abrente desenvólvese a Fase Carreira, para os que queiran rexistrar un .gal e o dominio que lles interesa non pertence a ningunha das categorías do Abrente. Podedes facervos con calquera enderezo .gal sen ter que agardar ao 2 de decembro, día no que se abre a Fase Aberta. O prezo de base na Carreira é de 170€.

Para consultar toda a información relacionada co .gal e resolver calquera dúbida, podedes acceder á web dominio.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.