O martes publicabamos as principais conclusións do Informe da Sociedade da Información en España, publicado pola Fundación Telefónica. O estudo contén información categorizada por comunidades autónomas e nós hoxe atendemos á realidade dixital galega.
Xa sabiades que o 72,6% dos fogares galegos dispón de ordenador (un 6% máis que no 2013) ou que o 69,1% dispón de banda larga, un 50% máis que no ano 2010 cando se puxo en marcha o Plan de Banda Larga da Xunta. Nos últimos 3 meses do 2014 usamos internet o 69,3% dos galegos e, nese período, un 25,9% mercou algo na rede. Por primeira vez, Galicia superou a media estatal no uso de ordenador e internet no grupo de idade dos 16 aos 44 anos.
Para que usamos internet? O 87,3% lemos xornais dixitais (case 10 puntos máis que a media estatal), o 65,3% participamos en redes sociais e un 50% solicitou cita médica a través da web.
En canto ás empresas, un 33,1% das microempresas con conexión conta con páxina web. Isto supón un incremento dun 17,8% respecto ao ano anterior e sitúa Galicia na 1ª posición do ranking autonómico. Ademais o 62,6% dispón de conexión a internet, das cales, o 63,5% conta con banda larga móbil.
No caso das empresas de 10 ou máis traballadores, case todas teñen conexión á rede e o 72,4% conéctase vía móbil. Neste caso o 71,6% ten páxina web (un 11,2% máis que o ano anterior). Chama a atención que usan as redes sociais un 35% das empresas galegas (de máis e menos de 10 traballadores) aproximadamente.
Por último, Galicia ocupa a 1ª posición na interacción da cidadanía coa Administración. Un 67% obtivemos información de páxinas web da Xunta, case o 50% descargamos formularios oficiais e un 40,6% enviaron formularios cumplimentados a través de internet. No ámbito empresarial, un 91,8% das empresas galegas de 10 e máis empregados interactuaron coa Administración na rede.
Os proxectos
No informe tamén se atende, por exemplo, á Axenda Dixital da que vos falamos en varias ocasións no blog. Se falamos de realidade dixital de Galicia, tiña que haber un espazo reservado para a sede electrónica da Xunta que o ano pasado permitiu a apertura de máis de 30.000 expedientes nos máis de 800 procedementos dispoñibles.
As apps da Xunta, o proxecto InnovaSaúde no ámbito sanitario e o Plan Senda 2014 no xurídico, están tamén na lista de proxectos e servizos. Antes de nada, o primeiro obxectivo é a dotación de competencias dixitais á cidadanía a través de proxectos como Abalar ou a Rede CeMIT, temas habituais en Xente Dixital.


