Guía práctica | 5 consellos para promocionar a vosa empresa en Twitter

Twitter_empresas

Se a semana pasada vos dabamos 5 consellos para promocionar a vosa empresa en Facebook, hoxe compartimos algunhas claves para tirar o máximo proveito do Twitter. Veredes que seguimos un esquema similar ao da guía práctica de Facebook: contido, ferramentas interesantes, plataforma publicitaria, etc., pero tamén veredes que existen diferenzas importantes na xestión das dúas redes sociais.

Que e como publicar en Twitter

Como en Facebook, Twitter serve para compartir contido propio (produtos e servizos da empresa) e información relacionada de interese. A primeira diferenza está no número de actualizacións que podemos facer; se en Facebook facemos 1 ou 2 publicacións diarias, en Twitter convén facer entre 4 e 6, aínda que depende do tipo de empresa, do contido propio que xeremos, do día da semana ou do momento do ano.

Ademais, Twitter está indicado para o seguemento de eventos organizados pola empresa ou do sector ao que pertenza, por exemplo. Neste caso empréganse hashtags para participar e seguir o evento; #xornadasxentedixital, por exemplo.

Empregar Tweetdeck ou Hootsuite

Son dúas ferramentas que axudan a obter o máximo rendemento do Twitter dunha empresa. Pódese publicar, programar, visualizar con facilidade as listas de usuarios que se creen ou monitorizar a actividade do sector por palabras clave. E ofrecen estatísticas para saber, por exemplo, que contido interesa máis aos seguidores da conta.

Descubrindo os anuncios de Twitter

Ata hai pouco os anuncios de Twitter eran moi caros e inaccesibles para as pequenas empresas. Pero ultimamente Twitter fixo un esforzo por achegarse ás pemes. Podedes consultar unha guía práctica na que atoparedes información sobre aspectos básicos de Twitter, consellos para promocionar a empresa, etc. E acceso ao autoservizo de anuncios de Twitter. Comézase por escoller ubicación (anuncios locais, nacionais ou mundiais), promociónase a conta (para conseguir máis seguidores) ou os tuits (para promocionar un contido concreto), e só se paga por resultados (cando nos sigan ou interactúen cos tuits promocionados).

Concursos

É unha ferramenta moi interesante para animar aos seguidores a interactuar coa marca e para conseguir novos seguidores. E pode facerse de maneira moi sinxela e sen pagar polo uso dunha aplicación, chega con pedir que tuiteen empregando un hashtag. Tamén podedes pedir que respondan a unha pregunta ou poñer a condición de que deben seguir a conta.

Twitter como canle de atención ao cliente

Twitter serve para comunicar pero, sobre todo, para conversar. É unha rede social máis “rápida” que Facebook; se un cliente vos consulta unha dúbida espera que lle contestedes nun período curto de tempo. Ser rápidos e aportar información de calidade pode significar unha venta e contribúe a gañar prestixio na rede.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.