O luns respondiamos á pregunta que é o dereito ao esquecemento? Hoxe lemos a sentenza contra Google do Tribunal de Xustiza Europeo sobre o dereito ao esquecemento en internet.
A sentenza
O Tribunal declara que dentro da actividade dun motor de busca (Google, por exemplo) está a do tratamento de datos persoais. E que o xestor dun motor de busca é responsable do devandito tratamento.
Establece que hai tratamento de datos persoais cando a empresa ten unha sucursal ou filial no país europeo no que se produce a reclamación.
A partir de agora podemos dirixirnos a Google para solicitar que retire as ligazóns a unha información improcedente que nos perxudique. Se non accede, poderemos acudir á xustiza para que se eliminen esas informacións da lista de resultados.
O caso de Mario Costeja
Hai xa cinco anos que Mario Costeja fixo unha reclamación contra o xornal La Vanguardia e Google ante a Axencia Española de Protección de Datos. O motivo: se alguén buscaba o seu nome en Google, o buscador amosaba dúas ligazóns á web deste xornal nas que se informaba dunha poxa de inmobles organizada con motivo do embargo para o cobro dunha débeda que tiña coa Seguridade Social. A información era de 1998 e ese embargo xa estaba resolto.
A AEPD desestimou a reclamación contra La Vanguardia pero esixiu a Google que eliminase as ligazóns dos resultados de busca. Google interpuxo un recurso á Audiencia Nacional que enviou unha serie de cuestións xurídicas ao Tribunal europeo. Despois de moito tempo no que, entre outras cousas, se multiplicaron os enlaces con informacións de Mario Costeja, o Tribunal sentenciou que temos dereito a reclamar a Google un uso correcto dos nosos datos persoais.
Fonte: eldiario.es.


