
A semana pasada foi un momento de revolución no mundo de videoxogos: foi o momento no que Nintendo decidiu presentar a fondo o seu novo produto: a Nintendo Switch, unha nova consola que quere facerse un oco nun mercado cada vez máis cheo cos sistemas de Sony e Microsoft.
Hoxe analizamos a fondo que é a Nintendo Switch, cales son as súas características e que achegará ao mundo dos videoxogos.
Que é a Nintendo Switch?
Esta nova consola da compañía nipoa é algo totalmente novo no mundo dos videoxogos. A pesar de que se presenta como unha consola de sobremesa destinada a xogar no salón da túa casa, a Nintendo Switch pódese extraer do soporte e utilizala como unha consola portátil.
Como fai isto? O segredo reside no seu novo mando. Ou quizais deberiamos chamalo en plural, xa que os Joy-Con (ese é o seu nome) son dous mandos que se axustan á pantalla converténdoa, xunto á súa pantalla táctil, nunha consola portátil que podemos levar a calquera parte grazas á súa batería integrada.
Que potencia ten?
Desde a saída de Wii, Nintendo demostrou que non lles importa a calidade dos gráficos, baixándose da carreira que teñen Microsoft e Sony por mostrar cada vez gráficos máis realistas. A Nintendo Switch preséntanos uns gráficos máis próximos ás actuais Playstation 4 e Xbox One que outra cousa, dándonos alta definición cando a consola está en modo sobremesa, e algo menos cando a temos nas nosas mans.
Que ten de revolucionario?

A Nintendo Switch é unha pequena gran revolución no mercado actual de consolas. Por un lado, o seu sistema de converterse en portátil grazas a axustar os mandos é o máis novo que vimos en moito tempo. Outra adición son os Joy-Con. Estes mandos son capaces de recoñecer formas, teñen detector de movemento e poden dividirse, é dicir, o único mando que trae a consola convértese en dúas, tendo cada parte todos os botóns necesarios para xogar en parella se así o queremos.
Prezo e dispoñibilidade
A Nintendo Switch sairá o 3 e marzo e valerá, segundo as últimas informacións, 330€, un prezo máis que razoable para unha consola de recente saída. E xa se pode reservar.

