Compartimos moitas guías prácticas de redes sociais. Hoxe, no canto de botarvos unha man para configurar unha páxina de empresa en Facebook ou LinkdedIn, dirémosvos que é o que non debedes facer. Cales son os erros máis comúns das empresas en redes sociais?
- Non ter un plan. Para conseguir resultados necesitamos saber en que redes sociais temos que estar presentes, crear unha lista de temas a tratar no blog e nas redes sociais, un calendario no que reflectir os eventos importantes para a empresa, etc. Tamén temos que saber que recursos nos ofrece cada rede social e decidir que investimento queremos facer.
- Publicar só contido da empresa. Falar só de que fai a empresa e de que produtos e servizos ofrece é un erro moi común. Cómpre mesturar esa información con outra interesante relacionada coa actividade do negocio.
- Falta de actividade. Mellor non estar presentes en internet que ter páxina de Facebook e Twitter e non actualizalas. Se descoidamos o blog e as redes sociais estaremos danando a imaxe da empresa.
- Contar o mesmo en todas as redes sociais. Os usuarios das distintas redes sociais non son os mesmos ou, polo menos, compórtanse de xeito diferente. Debemos actualizar pensando nos usuarios de cada unha delas. Cómpre aproveitar Twitter para conversar ou LinkedIn para establecer contacto con outros profesionais do sector.
- Non responder. Comezabamos a semana contándovos a importancia de empregar as redes sociais como servizo de atención ao cliente. É a oportunidade de gañar prestixio na rede e de detectar necesidades e oportunidades.
- Non analizar os resultados. É moi sinxelo acceder ás estatísticas de Facebook, Twitter, Google+… Non vos interesa saber o perfil demográfico dos vosos seguidores ou que temas lles interesan? Pode axudarvos a redefinir a vosa estratexia comercial e de comunicación.
- Non investir en redes sociais. É habitual que as empresas non confíen nas redes sociais. “Se todos o fan pois haberá que ter unha páxina de Facebook pero non vou a crear unha estratexia e moito menos vou a pagar por un anuncio”. Cada vez é máis caro pero segue sendo moito máis barato que a publicidade en medios tradicionais. Por unha pequena inversión podemos conseguir unha comunidade de seguidores importante ou podemos chamar a atención sobre un produto ou un evento que queremos que chegue ao maior número posible de clientes potenciais.


