A Amtega vén de abrir un proceso de consulta pública dirixido a operadores de telecomunicacións e outros axentes interesados para actualizar a información de cobertura e as previsións de despregamento de redes de 100 Mbps nos núcleos e polígonos industriais galegos.
A consulta forma parte das accións previas que marcarán as actuacións que a Xunta desenvolverá no Plan de Banda Larga de Galicia 2020. O obxectivo é identificar zonas brancas de cobertura de redes de 100 megas, núcleos e polígonos que non teñan cobertura deste tipo de redes nin plans para dispoñer dela nos próximos anos.
Ata o 31 de xullo, operadores e outros axentes interesados, poderán facer as aportacións que consideren ao listado de núcleos e polígonos publicado pola Amtega. Podedes acceder ao texto e listados da consulta aquí.
Esta acción é unha das esixencias que recollen as directrices europeas para a concesión de axudas de despregamento de redes de banda larga.


