A semana pasada botaba a andar a campaña “1 mes, 1 profesión dixital”: campaña de divulgación e difusión dos novos perfís profesionais da era dixital, organizada pola Amtega e o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia).
A campaña desenvolverase durante 6 xornadas ata outubro e o obxectivo é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar no uso das TIC. As charlas darán a coñecer os novos perfís profesionais dixitais: programadores, deseñadores web, bloggers, desenvolvedores de apps, creadores de contidos, expertos en ecommerce, etc. Ademais tratarase o tema dos cambios que están a afrontar profesionais doutros sectores (xornalistas, arquitectos, etc.) para adaptarse ao novo contexto dixital.
A primeira xornada levaba por título “Faite profesional do marketing dixital” e participaron, entre outros, Daniel Seijo, director de Diariomotor ou Óscar Reboiras, responsable de redes sociais de R. Deixámosvos o vídeo completo da xornada.
Toda a información das xornadas publicarase na web profesionsdixitais.org. Ao remate da campaña recompilaranse as experiencias prácticas dos encontros na publicación “1 mes, 1 profesión dixital”.
Autonomía dixital e emprego no sector TIC
A Axenda Dixital de Galicia 2020 contén medidas orientadas a aumentar a produtividade das empresas a través das TIC. Búscase a consolidación dun hipersector TIC competitivo que impulse a creación de emprego cualificado. Por outra banda, a estratexia TIC da Xunta conta cunha liña específica para contribuír á autonomía dixital da sociedade, para evitar a segunda fenda dixital e que poidamos acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das novas tecnoloxías.
Na presentación das xornadas, o presidente do CPEIG falaba do Estudo nacional sobre a situación dos profesionais das tecnoloxías da información; podedes botarlle un ollo aquí. O estudo demostra a alta empleabilidade dos profesionais do sector.


