Sabes a velocidade que tes contratada co teu operador de internet, ou a cobertura que tes co teu teléfono móbil, pero… sabes realmente a que velocidade descargas os contidos de Internet? Hoxe, en Xente Dixital, presentámosche algunhas aplicacións para que contrastes a que velocidade navegas, tanto dende o teu ordenador coma dende o teu teléfono móbil.
As seguintes webs realizan unha proba de descarga de datos, cronometrada para determinar a túa velocidade real de descarga e de subida de datos.
Test de Velocidad, o máis empregado, e so tes que premer o botón “empezar” para realizar o test.
Velocímetro de R, un clásico. Neste caso, debes indicar que tipo de conexión posúes (cable, wifi… pensa que as conexións sen fíos non son tan fiables como as conexións de cable).
Nos dous casos anteriores mídese a velocidade de baixada e de subida, e outro parámetro que se chama “latencia”. A latencia é a suma de retardos temporais que hai dentro dunha rede, e canto máis baixa, mellor.
Fast.com, o último en chegar, e ven da man de Netflix. Neste caso, non mide a velocidade de subida, so a de descarga, pero é o máis sinxelo de executar, xa que cando se carga a páxina web xa comeza o test.
E para móbiles?
Unha das opcións máis empregadas é Speedtest Ookla (iOs e Android), e servirache para medir a capacidade da túa rede wifi… e a do o teu operador móbil.
Podes comprobar así como a “latencia” é máis baixa (ou debería serlo) na wifi que na conexión 3G.
Ollo! Lembramos que a proba se fai descargando un paquete de datos e cronometrando a súa velocidade, polo que vai a consumir datos da túa conexión móbil. Isto é especialmente importante se estás a medir a velocidade do 4G, xa que o consumo é notable.
Comproba a túa velocidade de descarga. Como ves na seguinte imaxe, dende Xente Dixital fixemos un pequeno test e hai diferenzas dunhas aplicacións a outras.



