Empezamos a semana contándovos que a Xunta acaba de abrir a terceira convocatoria de axudas para contratar Internet de banda larga vía satélite, e falándovos das subvencións para proxectos dinamizadores de áreas rurais que se apoien nas TIC. Falamos con Belén Ferreiro, da Área de Sociedade Dixital da Amtega, para que nos aclare algunhas dúbidas importantes.
Acaba de publicarse a convocatoria de axudas para proxectos dinamizadores de áreas rurais que se apoien nas TIC. Por que se subvenciona o uso das TIC?
A incorporación das TIC ao modelo de negocio das microempresas é chave para mellorar a súa produtividade e competitividade e este é o obxectivo destas axudas. As microempresas representan o 95% do tecido empresarial galego e aínda que nos últimos anos experimentaron un crecemento nos indicadores de uso das TIC, incluso por enriba da media estatal, os últimos datos do INE de 2013 indican que só o 64,9% dispón de conexión á rede e que menos do 30% conta con páxina web. Para conseguir que os índices de uso sigan aumentando continuamos a traballar en dúas liñas: a extensión de infraestruturas de telecomunicacións en todo o territorio galego a través do Plan de Banda Larga, e en medidas de formación e dinamización do uso das TIC.
Como chegamos a un autónomo ou a unha pequena empresa que aínda non é consciente de como poden axudalo as TIC no desenvolvemento do seu negocio e para a comunicación coa Administración?
A formación e a difusión son fundamentais e, neste sentido, hai que destacar o labor das 98 aulas da Rede CeMIT e do Centro Demostrador TIC de Galicia. A rede CeMIT impartiu o ano pasado preto de 100.000 horas de formación, tanto para a cidadanía como para micropemes e pemes, que poden coñecer de xeito gratuíto as vantaxes das TIC a través de itinerarios formativos específicos. Falamos de aulas que teñen presenza en todas as comarcas galegas e, principalmente, no eido rural. Ademais o Centro Demostrador TIC, situado en Santiago e que emprega a rede de videoconferencias das aulas CeMIT, facilita ás pemes o acceso a solucións e servizos tecnolóxicos que teñen á súa disposición no mercado, a través de sesións demostradoras. Unha actividade que se complementa con actividades formativas en TICs. Só en 2013 máis de 260 pemes participaron nas actividades do CDTIC.
Aínda quedan sitios en Galicia nos que non poida crear unha pequena empresa porque non teño acceso á rede? Que queda por facer?
Grazas ás medidas do Plan de Banda Larga, o 95% dos máis de 17.000 núcleos de Galicia que en 2009 non tiñan cobertura de internet hoxe dispoñen de acceso a este servizo. Superamos o 95% de poboación con acceso á rede e cos despregamentos previstos chegaremos ao 97% a través de redes fixas e sen fíos. A porcentaxe restante, que resida ou teña o seu negocio en zonas onde non é posible chegar con outra tecnoloxía, cubrirase vía satélite. Para estes casos o Plan conta cunha liña de axudas da que acabamos de abrir a terceira convocatoria. Dende o pasado 26 de marzo e ata o 30 de agosto, calquera familia ou empresa daquelas zonas nas que non dispoñan de acceso a Internet de cando menos 2Mbps mediante outra tecnoloxía, poderá solicitar estas axudas. Sufráganse con ata 150 euros os gastos de instalación e equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc.). Ademais a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos.
O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura da Comunidade.
Eu son un autónomo interesado en levar adiante un proxecto nun área rural na que non sei se teño acceso á rede (estou case seguro que non), e para o que necesito facer un investimento en novas tecnoloxías. Que pasos me suxires dar?
Para asegurarse de se dispón ou non de acceso a Internet na súa zona pode consultar á Oficina de Banda Larga, no 981-957868 ou no mail oficina.bandalarga@xunta.es, ou na aplicación ReDe, que está dispoñible na páxina da Amtega. Ademais atopará información das actuacións que o Plan desenvolveu no núcleo onde ten a súa empresa ou de se está prevista algunha para os vindeiros meses. No caso de que a aplicación lle indique que está nunha das zonas ás que só se pode chegar vía satélite só ten que poñerse en contacto con algún dos 5 operadores acreditados pola Xunta como entidades colaboradores e eles serán os encargados de xestionar a subvención. Este ano as axudas tramítanse a través de Duo Telecom, Eurona, Intermax, Quantis e Terrachá Technoloy.


