“O obxectivo no medio prazao é chegar a aquelas zonas onde a Rede CeMIT non ten presenza física”

cemitverin

Hoxe falamos con Felicitas Rodríguez, xefa do departamento de Sociedade da Información da Amtega sobre a Rede CeMIT. Balance, novidades, formación online ou a iniciativa Faite Dixit@l son algúns dos temas que poñemos enriba da mesa.

Pode haber alguén que aínda non coñeza a Rede CeMIT e os beneficios que lle pode aportar. Moi brevemente, que é e que tipo de actividades se desenvolven?

É unha rede de 98 aulas públicas presentes en 92 concellos da Comunidade que ofrecen formación dixital gratuíta de diferentes niveis. Unha parte importante da súa actividade está dirixida a aqueles colectivos con máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías con cursos de alfabetización presenciais ou online. Ademais, a Rede ofrece formación para profesionais TIC, en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, e para empregados públicos a través da EGAP. A oferta formativa da Rede CeMIT complétase co Servizo de Aula Aberta, a disposición dos usuarios que queiran empregar os equipos das aulas para uso persoal ou resolver dúbidas co axente TIC de cada centro. E con actividades formativas doutros organismos, mediante a retransmisión a través dos sistemas de videoconferencia da rede CeMIT de seminarios, encontros tecnolóxicos, xornadas formativas, presentacións, etc., organizados por entidades como o CDTIC, o CNTG ou o IGAPE.

A punto de comezar un novo curso, que novidades presenta a Rede CeMIT para este ano?

Ademais das actividades impartidas nas aulas da Rede CeMIT e das horas de libre uso que a cidadanía pode facer das aulas, este ano preséntase como novidade a ampliación do radio de acción da Rede ás localidades sen aulas CeMIT, mediante a colaboración doutras organizacións como os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs) que axudarán a difundir as iniciativas e a ampliar o alcance das actividades.

Se non atopo ningún curso ou actividade que se axuste ás miñas necesidades, podo suxerir temas para futuras actividades?

Si, a través da propia páxina web de CeMIT, o usuario, no seu espazo persoal, poderá demandar actividades que se están realizando noutros centros para que se realicen na súa aula máis próxima. Tamén pode contactar mediante correo electrónico coa aula CeMIT ou acudindo directamente á mesma, para suxerir aos responsables das aulas aquelas actividades formativas nas TIC que lle gustaría que se realizasen. Os programas formativos das aulas CeMIT están planificados para cubrir as demandas e necesidades da súa poboación.

Formación presencial nas aulas CeMIT, e online. Que é e como funciona EMA?

É o Espazo Multimedia de Aprendizaxe, que complementa a formación presencial impartida nas aulas da Rede CeMIT. A través de EMA, calquera cidadán rexistrado previamente como usuario da Rede CeMIT, poderá acceder ao catálogo de cursos de alfabetización dixital e formarse nas TIC de xeito online. As vantaxes da formación online son múltiples, xa que permite o acceso do usuario dende calquera punto, as 24 horas do día e sen necesidade de matriculación nin reserva de praza. Do mesmo xeito que os cursos impartidos nas aulas, non teñen custo algún para o cidadán.

Que é Faixe dixit@l? Como xorde esta iniciativa?

É un itinerario de capacitación tecnolóxica que desenvolve a Amtega, en colaboración con Fundetec e Academia Postal, desde o 22 de setembro ata finais de ano nas aulas CeMIT e que se ampliará a outras zonas sen centros da Rede grazas á colaboración dos GDRs e da Federación Galega de Redeiras. Faite Dixit@l achegará aos participantes ferramentas e coñecementos para a configuración de dispositivos móbiles, programación de aplicacións, estratexias de márketing online e uso da identidade dixital e servizos telemáticos das administracións. Contempla actividades complementarias como un concurso de aplicacións móbiles, seminarios de expertos, casos de éxito e presentacións “PechaKucha”. Serán máis de 160 actividades gratuítas con máis de 500 horas de duración ata decembro. Os interesados en inscribirse poden facelo nas aulas da Rede Cemit e a través da web, www.cemit.xunta.es.

Brevemente, cal é o balance do traballo feito na CeMIT ata hoxe? Cal é o obxectivo para o novo curso?

En tres anos a Rede leva impartidas máis de 123.000 horas de formación TIC gratuíta e conta con máis de 37.300 usuarios rexistrados. Son cifras positivas que poñen de manifesto que a Rede dá resposta a unha necesidade da sociedade. O obxectivo no medio prazo é chegar a aquelas zonas onde a Rede CeMIT non ten presenza física. O Plan de inclusión dixital que presentaremos este ano contempla tamén o reforzo formativo da rede CeMIt e a colaboración con institucións e entidades públicas e privadas para avanzar neste obxectivo e estender os servizos á maior porcentaxe posible do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.