
Dende arriba, de esquerda a dereita: Yago Rivera, Roberto Andrade, Diego Antón e Rodrigo Garrido, membros de Stukers
Se hai unhas semanas abriámoslle a porta a Garagapp, proxecto integrante de Galicia Open Future, hoxe cambiamos de mesa para falar con Yago Rivera, cofundador de Stukers, plataforma para que estudantes e traballadores atopen o compañeiro de piso ideal.
Brevemente, explícanos que é Stukers
Stukers é unha plataforma onde estudantes e traballadores, de aí o nome, students & workers, poderán atopar os compañeiros de piso ideais. Para iso usamos os hobbies e un pequeno test de 5 preguntas acerca de como son eles na convivencia para que así se poida facer o matching e escoller segundo as súas preferencias. Por outra banda os propietarios de piso ou compañeiros que teñen habitacións libres, poderán ofrecelo ás persoas que están a buscar aloxamento. Por suposto eles tamén poderán ver os perfís dos usuarios para así decidir cal é o seu candidato ideal.
En que punto do desenvolvemento do proxecto vos atopades? Cales son os próximos obxectivos?
Unha vez deixamos a universidade e acabamos as nosas prácticas retomamos Stukers e empezamos traballando nunha sala prestada dunha oficina. Dende aí empezamos a aprender a programar e a deseñar xa que non había outra forma de desenvolver a plataforma. Non nos podiamos permitir comprala e tiñamos que axudar a Diego (o informático do equipo) para tardar o menos posible en sacar a nosa beta.
O primeiro empuxón que recibimos foi da Universidade de Vigo cando nos selecciona para a súa incubadora de negocios e nos facilita un espazo onde traballar cómodos. Dende aí, en febreiro deste ano sacamos a nosa beta e fixemos unha pequena campaña de marketing cos nosos aforros. Aos poucos meses contabamos con 400 usuarios e apareceu nas nosas vidas Movimiento Ritual. Este concurso, xa a nivel nacional, deunos outro empuxón anímico e cualitativo moi importante. Coñecemos a Alejandro de León, o que hoxe en día é o noso mentor, e déronnos 20.000€ para financiar Stukers. Ademais, o propio equipo de traballo de Pernod Ricard (grupo ao que pertence Ron Ritual) estaba dispoñible para traballar en calquera das nosas dúbidas e problemas. Aos poucos meses de que pase isto (agosto 2014) lanzamos unha actualización da nosa web, a que actualmente está online e acompañámola dunha campaña de marketing financiada por ese premio económico e alcanzamos máis de 7.500 usuarios e 2.000 pisos máis do que esperabamos inicialmente. Xa máis recentemente fomos seleccionados por Telefónica para o concurso Galicia Open Future onde estamos a piques de rematar agora mesmo e onde temos depositadas moitas esperanzas por seguir aprendendo e se pode ser claro, por ser un dos gañadores.
Actualmente atopámonos testando o modelo de reserva a través da web. Este consiste en reservar o piso ou a habitación desexada dende a web, asegurándoche así que cando chegues ao teu destino teñas todo preparado. O propietario tamén está cuberto ante cancelacións de última hora xa que o inquilino adianta o importe do primeiro mes. O custo da operación recae sobre o propietario xa que é a parte que se lucra.
Somos ambiciosos en canto ao futuro, queremos facer de Stukers unha referencia á hora de irte a compartir piso. Unha vez esteamos asentados en España buscaremos facer o mesmo noutros países.
Como vos decatades de que existe Galicia Open Future e cando decidides participar?
Decatámonos de GOF estando na nosa oficina de INCUVI. Alí recomendáronnos presentarnos. Logo tivemos un par de charlas cos organizadores, os cales nos comentaron de que trataba o programa e non dubidamos en presentarnos.
Que buscabades entrando a traballar nun espazo como Galicia Open Future? Como está a resultar a experiencia até agora?
Con GOF nós buscabamos unha axuda de xente profesional e con experiencia en startups. Atopabámonos en plena selección do modelo de negocio e parecíanos un bo sitio para chegar a unha conclusión acertada. Por suposto, a posibilidade de atopar financiamento sempre é atractiva e importante.
En canto á nosa estancia en Galicia Open Future, recomendamos a todos os que teñan un proxecto que se animen a vivir a experiencia. A pesar de que nós no día a día traballamos na Universidade xa que estabamos previamente seleccionados pola súa Incubadora de Negocios, visitamos a Cidade da Cultura (sede de Galicia Open Future) todas as semanas para asistir a talleres, sesións de coaching, tutorías personalizadas, etc. Todas estas actividades son moi interesantes xa que o nivel de profesionais que dan as sesións é moi alto.
Como vos vedes dentro de 6 meses?
Dentro de 6 meses esperamos poder sacar xa conclusións sobre o modelo de negocio escollido, e valorar os resultados. Isto será o que marque totalmente as seguintes decisións a tomar. Esperamos tamén captar financiamento para pór en marcha unha serie de campañas de marketing, así como para profesionalizar certas áreas da empresa.

