Responsabilidade antes que privacidade

faceXD

Comezabamos a semana botando un ollo á política de privacidade de Google. Hoxe traémosvos algunhas das principais conclusións do estudo “Privacy Index”, estudo global da compañía EMC, sobre privacidade dixital dos consumidores arredor do mundo. O estudo abarca 15 países e 15.000 consumidores. Cantos de vós fixestes clic nas ligazóns de condicións, política de uso de datos e uso de cookies cando creastes a vosa conta en Facebook?

O debate está en canta visibilidade deben ter os gobernos e as empreas con relación ás actividades, comunicacións e os comportamentos privados das persoas. O estudo explora como vemos os nosos dereitos de privacidade online e mide canto estamos dispostos a prescindir dos beneficios do mundo dixital, se iso garantiza a nosa privacidade.

A principal conclusión é que queremos os beneficios da tecnoloxía sen sacrificar a privacidade. Destacan 3 paradoxos da privacidade que afectan a consumidores, empresas e provedores de tecnoloxía:

  1. Paradoxo de querelo todo. Non queremos prescindir dos beneficios da tecnoloxía pero non estamos dispostos a sacrificar a nosa privacidade para obtelos.
  2. Paradoxo da inactividade. Aínda que os riscos de privacidade nos afectan directamente, a maioría non toma medidas especiais para protexer a súa privacidade e considera que a responsabilidade é de quen manexa a súa información, como o goberno e as empresas.
  3. Paradoxo de compartir en redes sociais. Os usuarios de redes sociais din valorar a súa privacidade pero comparten libremente grandes cantidades de datos persoais aínda que non confían en que as institucións protexan esta información.

Podemos prescindir da tecnoloxía? Seguramente non, pero podemos limitar a nosa actividade na rede, coñecer como tratan os nosos datos persoais as empresas ás que llos confiamos, e tomar certas medidas de precaución. Que pensades? Admítense comentarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.