
Oculus é a empresa que comezou fai uns cuantos anos a poñer en boca da xente o mundo da realidade virtual. Fíxoo grazas a presentar unhas lentes que permitían introducirche en novos mundos. Tal foi o seu éxito que a empresa acabou sendo mercada por Facebook e agora traballan xuntos, sendo Oculus unha filial da empresa de Zuckerberg.
A comezos deste mes Oculus realizou unha conferencia para desarrolladores e nela, á parte de comentar as novidades da súa contorna de desenvolvemento, presentaron Carmel, un navegador web pensado para ser utilizado no mundo da realidade virtual.
Aínda que moitos pensabamos que a realidade virtual ía quedar en aplicacións e videoxogos, en Oculus queren levala a todas as experiencias posibles. E de aí sae Carmel, o navegador que pretende levar a realidade virtual á web. E como o pretenden facer? Pois dando a posibilidade aos desarrolladores a través dunha librería de Javascript de realizar deseños web que se adapten á experiencia da realidade virtual a través das lentes de Oculus.

Aínda que polo de agora o navegador está en desenvolvemento, na conferencia puidéronse ver algúns exemplos prácticos: cunha web de coches na que, grazas ás lentes de realidade virtual, podemos meternos dentro do coche que queremos comprar e personalizalo ao noso gusto. Tamén vimos como se vería unha galería de imaxes, todas elas en 360 graos, xerando unha experiencia totalmente inmersiva.
Se pensamos un pouco, a realidade virtual podería dar unha nova perspectiva á web. Imaxinemos comprar en Amazon vendo exactamente como é un produto, ou contratar un hotel paseándonos pola habitación na que imos estar durante as nosas vacacións.
A pesar do seu potencial, a navegación web a través de realidade virtual enfróntase a uns poucos obstáculos: canto tempo aguantariamos navegando pola web coas lentes postas? como se adaptarían as páxinas normais a este tipo de navegación? que farían as persoas con algún tipo de discapacidade? Incógnitas que se deberán resolver a medida que a tecnoloxía avance.

