Anuncios en Facebook, Twitter e Linkedin

Facebook

Despois de compartir guías prácticas sobre redes sociais, de explicar como crear unha páxina de empresa en Facebook, Twitter ou Google +, entre outras, hoxe queremos falarvos das plataformas publicitarias de redes sociais de Facebook, Twitter ou Linkedin. Pensastes en poñer un anuncio na vosa páxina de Facebook? É moi caro? Responde ao que necesitades?

Facebook

Facebook Ads

Antes de falarvos dos Facebook Ads. convén traer aquí a polémica sobre a que se está a debatir estes días na rede. Ata agora, Facebook obtiña e gardaba datos sobre os sitios que visitamos pero non ofrecía aos anunciantes a posibilidade de segmentar os anuncios por pautas de consumo dos usuarios. Agora pode facerse e a presencia de Facebook no mercado da publicidade online aumenta notablemente. Xa hai moitas webs que están a restrinxir o acceso a Facebook para que non obteña datos dos seus usuarios.

Por outra banda, se ademais de usuarios preocupados pola privacidade na rede, tedes un negocio con presenza en internet, tedes que coñecer e usar a plataforma de anuncios de Facebook. O primeiro paso é contar cunha páxina de Facebook. O segundo é crear contido de calidade que compartir cos seguidores da marca. Cos anuncios conseguiredes que a comunidade medre máis rápido e promocionar publicacións que queredes que cheguen ao maior número de usuarios posible. Non hai un orzamento mínimo, con pouca inversión conseguiredes medrar rapidamente.

Twitter

Twitter Ads

Se sodes usuarios de Twitter seguro que nas últimas semanas vos chamou a atención que no voso timeline aparecen moitos máis tuits patrocinados. Twitter Ads. xa é unha posibilidade real para as pemes que por un orzamento modesto poden promocionar a conta e os contidos que publiquen.

Na plataforma de anuncios de Twitter podedes segmentar o público ao que queredes chegar por intereses, xeografía, xénero, dispositivo ou usuarios similares aos vosos seguidores. Podedes promocionar tuits ou a conta e só pagades cando se segue a conta ou se retuitea, se marca como favorito, se responde ou se fai clic nun tuit patrocinado. Non hai un gasto mínimo.

Linkedin

Linkedin Ads

O caso de Linkedin é distinto. Para que vos fagades unha idea, ofrece dúas opcións de publicidade aos seus usuarios: os que teñen un orzamento superior a 25.000 € por trimestre, e os que teñen un orzamento inferior a esa cifra. Pódese segmentar os anuncios por cargo e función laboral, sector da empresa, grupos, etc. Como en Facebook ou Twitter, só pagas cando se fai clic no anuncio.

No caso de Linkedin, tede en conta que existen outras posibilidades para chegar a profesionais do voso sector gratuítas e efectivas como os grupos, por exemplo.

Pronto compartiremos guías prácticas para axudarvos a promocionar a vosa empresa en redes sociais. Contarémosvos canto tedes que gastarvos e que resultados podedes obter.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.