Día 16 – Lusofonía

O galego e o portugués son linguas irmás que proceden dun tronco común: o galego-portugués medieval. Malia esa orixe tan próxima, que sabemos nós do portugués ou dos portugueses? E dos países nos que se fala portugués? Que elementos da cultura lusófona coñecemos os galegos? A resposta, aínda que resulte desalentadora, é “moi pouco”. Pero a situación inversa aínda é máis desoladora, xa que os galegos e a nosa lingua somos uns descoñecidos para moitas das persoas que viven nos diferentes países lusófonos. Por iso, son necesarias iniciativas nas que galego e portugués convivan para que o noso idioma e a nosa cultura ocupen o lugar que lles corresponde dentro da lusofonía.

Queredes saber o que é a lusofonía? E coñecer algunhas da actividades que se están a desenvolver actualmente e que poñen de relevo a lingua galega como elo conector entre Galicia e os países de fala portuguesa? O seguinte vídeo pode axudarvos.

Seguro que todos coñecedes a Salvador Sobral, cantante portugués que gañou Eurovisión no ano 2017 coa canción Amar pelos dois. No seguinte vídeo, na gala dos premios aRi[t]mar 2018, di algo moi interesante sobre galegos e portugueses. Poñede atención! Por se o portugués se vos resiste, incluímos subtítulos.

Agora, propoñémosvos un reto: que vexades a seguinte gravación, desta vez sen subtítulos, para que reflexionedes sobre o que di unha das nosas alumnas. Poñede a orella e lembrade que o galego pode ser A chave coa que abrir o mundo.

Etiquetas