Día 21 – Despedida

Chegamos ao Día 21 do noso reto nos centros de ensino e dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística queremos felicitar as comunidades educativas do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e do IES Otero Pedrayo de Ourense polo seu traballo na dinamización do galego dentro do programa 21 Días co Galego e +.

Agora quédanos pendente a segunda fase do programa, o encontro de centros participantes e de aquí a alá seguiremos vendo os marabillosos vídeos que rodastes das vosas tarefas.

Esperámosvos en maio en Santiago de Compostela, deica alá…

que a forza do galego vos acompañe!

 

 

 

REFLEXIÓN 6

Hoxe tócache realizar a túa sexta e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto.

Lembra que, nestes vídeos que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.

Parabéns, chegaches ao final do proxecto!

1. Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego? Xustifica a resposta.

2. En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorar.

3. Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?

4. En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral?

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?

Que nota che sae de media?

5. Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.

6. As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.

7. Consideras que estás en situación de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.

8. Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?

9. Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?

10. Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.