Día 1 – Benvidas e benvidos aos 21 DÍAS CO GALEGO E +!

Este é un programa que pretende aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego así como a reflexión persoal sobre a relación que cada persoa ten co galego e co resto das linguas que coñece.

Ao longo de 21 días, aquí atoparedes propostas diversas para vos achegardes ao galego e á súa cultura.

A maioría dos contidos que se vos ofrecerán son realizados polo alumnado e o profesorado de cada un dos dez centros de ensino participantes. Por orde alfabética son os seguintes:

– IES Afonso X O Sabio (Cambre)

– IES Antón Alonso Ríos (Tomiño)

– IES Ánxel Fole (Lugo)

– IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela)

– IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

– CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña)

– IES Illa de Ons (Bueu)

– IES As Lagoas (Ourense)

– IES de Poio (Poio)

– IES de Vilalonga (Sanxenxo)

Ao longo das próximas xornadas veremos o que nos teñen que dicir.

Agora xa toca comezar e, por se non sabes como facelo con humor, traémosche unha curtametraxe producida por Modelo Burela e dirixida polo director burelés Matías Nicieza (gañador do II Certame de Curtas de Alfoz e O Valadouro, enmarcado no VII Festi-Val de Cine).  A obra é unha adaptación cinematográfica dunha das historias contidas no libro Made in Galiza de Séchu Sende feita ao estilo das curtas documentais educativas estadounidenses dos anos 50 e 60 do pasado século e as actrices e actores son da Mariña.

 

O actor César Cambeiro envíavos unha mensaxe para animarvos a falar galego, sen problema.

 

______________________________________

REFLEXIÓN 1

Hoxe terás que realizar a túa primeira gravación de reflexión.

Lembra que, nestes vídeos que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise. Non necesitamos que nos contes o marabilloso que é o galego, ben o sabemos!

  • Que che parece a proposta dos 21 Días co Galego e +?
  • Cres que che será moi doado ou moi difícil?
  • Veste capaz de chegar a falar 24 horas en galego dende o primeiro día?
  • Cres que o lograrás antes do último día?
  • Que reaccións percibiches entre o resto da túa clase ou na casa?
  • Que usos fas ti habitualmente do galego?
  • Que pasos deches xa hoxe para seguir a proposta?
  • Pensas ampliar progresivamente os usos ou tentas xa falar galego sempre?
  • En que ámbitos (escola, amizade, familia, lecer…) ou con que tipo de persoas cres/sabes que che custará máis?