Día 6 – De comercios co IES de Vilalonga

Chega a fin de semana e gustaríanos que vós, as familias, tamén formásedes parte deste ilusionante proxecto que son os 21 días co galego e +.

Para isto traémosvos neste sábado unha proposta de análise sociolingüística do IES de Vilalonga para observardes o comportamento lingüístico do comercio.

Gustaríanos que, ademais de compartirdes a vosa experiencia coas vosas fillas e fillos, tamén o fixésedes connosco a través das nosas redes sociais. É por iso que vos convidamos ao seguinte:

  1. Observade o vídeo.
  2. Seguide a proposta.
  3. Gravádevos realizando a vosa reflexión.
  4. Subide os vídeos das vosas reflexións ás vosas contas nas diferentes redes sociais.
  5. Incluíde nas vosas publicacións o cancelo #21diascogalegoemais para compartilas connosco.
  6. Finalmente, vivide a fin de semana en familia e en galego.

Se non podedes ou non vos vai ben realizar o sábado a actividade e queredes participar igual, podedes facela calquera día. Estamos desexando escoitar as vosas análises.

Aproveitamos para lembrarvos que nos podedes seguir nas nosas contas en Facebook, Instagram ou Twiter.