Día 21 – Reflexión 3 e agradecementos
REFLEXIÓN 3
Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezamos..
Recorda que, nestes vídeos que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.
Parabéns, chegaches ao final do proxecto!
1. Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego? Xustifica a resposta.
2. En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorar.
3. Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?
4. En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral?
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?
Que nota che sae de media?
5. Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.
6. As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.
7. Consideras que estás en situación de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.
8. Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?
9. Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?
10. Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.
______
Chegamos ao Día 21 do noso reto nos centros de ensino, neste 2020 no que o programa, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, se agrandou e puido chegar a dez centros educativos.
Queremos felicitar as comunidades educativas do IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES As Lagoas (Ourense), IES de Poio (Poio) e IES de Vilalonga (Sanxenxo) polo seu valioso traballo na dinamización do galego dentro do programa 21 Días co Galego e +.
Gustaríanos felicitar especialmente os equipos de dinamización da lingua galega e as persoas coordinadoras que, desde o comezo do curso, asumiron os 21 Días co galego e + como un proxecto propio poñendo nel ilusións e moitas horas de traballo.
Agora quédanos pendente a segunda fase do programa, o encontro de centros participantes. E de aquí a alá seguiremos vendo os marabillosos vídeos que rodastes das vosas tarefas.
Esperámosvos en maio en Santiago de Compostela, deica alá…
