Día 21 – IES Lauro Olmo / Xeografías lectoras
O INSTITUTO
O último centro que protagoniza os 21 Días co Galego este ano é o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, que nos convida a viaxar a outras épocas, lugares e culturas a través da palabra escrita.
Construción da mente consciente a través da lingua
O neurocientífico Xurxo Mariño dálle voltas á relación entre cerebro, mente e lingua, e á construción da memoria e da mente consciente a través da lingua.
FALAMOS – REFLEXIÓN 3
Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezaches.
Recorda que, nestas gravacións, que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.
1 Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego? Xustifica a resposta.
2 En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorarmos.
3 Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?
4 En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral?
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?
Que nota che sae de media?
5 Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.
6 As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.
7 Consideras que estás en situación de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.
8 Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?
9 Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?
10 Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.
DÍGOCHO EU!
E que mellor maneira de rematar que vendo como o Dígocho eu! traspasa fronteiras!
Parabéns, chegaches ao final do proxecto,
que a forza do galego te acompañe!
