Día 2 – Dereito a unha educación de calidade
O COLEXIO
O primeiro centro que protagoniza os 21 días co galego este ano é o CPI Virxe da Cela de Monfero. Este é o vídeo que vos envían. 
Dereito a participar dos nosos dereitos
Hoxe queremos que vos acheguedes connosco á participación como a mellor forma para reivindicarmos un dos dereitos máis importantes para as persoas.
Cal pensades que é?
Pois destacaremos o dereito a unha educación de calidade desde a equidade e a igualdade. Este dereito forma parte tamén dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) recollidos na Axenda 2030 (Nacións Unidas). Estes inician a súa andaina o 25 de setembro de 2015 e son 17 obxectivos e 165 metas que se deben alcanzar nos próximos 15 anos co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sostible.
E o número catro é o que trata o obxectivo dunha educación de calidade para todas as persoas.
A súa consecución é unha tarefa que está nas mans do conxunto da sociedade, pero as bases normativas e o seu desenvolvemento efectivo é responsabilidade dos gobernos; no noso caso, nacional e autonómico.
Temos que ter en conta que a educación é innegablemente o punto de partida para un desenvolvemento sostible no planeta.
Pero como facer soar a nosa voz?
A mellor maneira é “falando, participando e cooperando”.
Así que a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) propúxonos “Aprender e participar dos nosos dereitos” como rapazada implicada que somos.
Unha das primeiras cousas que destacamos nos obradoiros participativos que realizamos no 1º trimestre do curso é que moitas veces non se toman en serio as nosas opinións.
Cres que é xusto e razoable?
Non vos parece que cando axudamos, por exemplo, a mellorar a contorna, temos boas ideas?
E que cando nos sentimos parte activa da escola somos quen de achegar moitas ideas e moita ilusión por aprender e compartir?
Desta forma, reunímonos, pensamos, conversamos, organizamos e consensuamos as nosas ideas e en conxunto con outros centros educativos de Galicia fixemos as seguintes propostas:
1 Participar e tomar decisións en asembleas, as cales deben darse en todos os ámbitos onde se tomen decisións que afecten a infancia e adolescencia.
2 Contar coa información necesaria e con ferramentas para poder opinar, votar, expoñer ideas e tomar decisións nos espazos que nos son de interese.
Nós realizaremos achegas razoables, serias, sen pedir imposibles, confiables e solidarias con toda a infancia e adolescencia.
3 Contar con espazos de escoita, negociación e diálogo onde trasladar opinións, propostas e necesidades; é dicir, contar con espazos asociativos propios onde exercer os valores democráticos.
4 Sentirnos parte nos procesos de toma de decisións e que estas respecten e teñan en conta as opinións e a cultura da infancia e adolescencia.
5. Contar con espazos de encontro e participación coas persoas adultas, dado que somos o futuro e, por tanto, as decisións de hoxe afectarannos a nós.
6. Os espazos de escoita e participación teñen que adaptarse aos nosos gustos, para que neles, poidamos sentirnos acollidos, seguros e cómodos para facermos efectivos procesos cooperativos nun ambiente lúdico e distendido.
7 A participación debe partir da erradicación dos tabús por mor da idade na escoita; falamos de poder desbotar a vergoña ou o medo a non sermos valorados e valoradas.
8 As persoas adultas teñen que recoñecer os nosos dereitos para que favoreceren o seu cumprimento.
9 Débese vixiar o respecto aos nosos dereitos e aos acordos consensuados e establecer consecuencias e sancións para o caso de incumprimento.
Na escola, temos tamén dereitos?
- Sabedes cales son?
- Cales credes que deberían ser?
Así que mans a obra: papel e lapis e a participar e dialogar.
- Mellor se organizades grupos de traballo.
Dous paneis:
- Como o facemos?
- Como nos gustaría facelo?
Despois, as respostas nun panel na aula e a reflexión conxunta ao seu redor.
Cando rematedes, podedes ver as propostas que fixemos co resto dos coles que participamos desta proposta.
Así que aquí vos deixamos a ligazón ao informe das conclusións “Dereitos da Infancia: aprenden e participan nos seus dereitos”, que lles serán presentadas ás persoas responsables das políticas de infancia en Galicia.
Para pensarmos máis…
- Podemos participar na toma de decisións políticas?
- Existen diferenzas na participación por xéneros?
- Todas as persoas teñen igualdade de dereitos?
- Cales cres que son os beneficios da participación da infancia na toma de decisións?
No informe das conclusións Dereitos da Infancia: aprenden e participan nos seus dereitos tedes as nosas opinións.
Coinciden coas vosas?
Máis recursos:
