Día 17 – Enerxía accesible e non contaminante

O CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios vénnos falar do sétimo obxectivo dedicado á enerxía accesible e non contaminante.

Antonio Palacios Ramilo foi un grande arquitecto galego que proxectou o noso centro combinando o seu propio estilo coa corrente rexionalista de comezos do século XX. Mediante a súa elección moi persoal do material, especialmente o granito galego, proporciónalles expresividade ás súas fachadas. Reflexiona sobre se nas construcións daquela época empregaban enerxías sostibles.

  • Que diferenzas vemos entre a proxección dun fogar de comezos do século XX e os proxectos que se fan actualmente?
  • Cando eliximos unha casa, pensamos no tipo de enerxías que debemos empregar?
  • Poderíavos resultar interesante deseñar unha casa ecosostible. Que pensades que debería ter e como obtería a súa enerxía?
  • Na actualidade, non dubidamos de que as enerxías accesibles e non contaminantes son unha mellora para o coidado do noso medio. Porén, a implantación de parques eólicos na nosa terra é sempre algo positivo? Que impacto ten a instalación destes parques? Fai unha relación de pros e contras que tería acometer a construción dun parque eólico.
  • A enerxía hidroeléctrica é unha enerxía renovable practicamente inesgotable, segura, xa que non xera residuos tóxicos, que se produce en función das necesidades, estable e económica. Pero valerían todos os ríos para levantar un encoro? Que características precisa ter ese lugar? Como lle afecta ao ambiente?

Tócavos a vós!!