Día 18 – Vida de ecosistemas terrestres
E rematamos a nosa participación dos centros desta edición cos obxectivos ODS co estudo do número 15 do IES Plurlingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis.
O obxectivo 15 trata sobre a vida dos ecosistemas terrestres e incide na necesidade de xestionar sustentablemente os bosques, loitar contra a desertificación, deter e inverter a degradación das terras e a perda de biodiversidade…
Logo de verdes o vídeo, propómosvos as seguintes actividades para ampliardes o traballo ao redor deste obxectivo.
- Coñecedes algunha carballeira, souto, fraga… na vosa contorna? En caso negativo, facede unha pescuda preguntándolles a outras persoas (ou a través da Rede).
- Facede unha listaxe do que coñecedes ou atopastes e indicade nela o seu nome, localización,
propiedade (pública / privada) e usos.
Teñen algún tipo de mención ou protección? Propoñede algunha acción para promover / mellorar a súa protección e uso público.
- Consultade a páxina de patrimonio natural da Xunta de Galicia para definir e poñer exemplos de:
Parque natural
Reserva da biosfera
Zonas especiais de conservación e dos monumentos naturais
- No vídeo fálase tamén da estreita relación entre os nomes dos lugares, das persoas… e a
contorna natural. Consultade:
○ na páxina do proxecto Cartografía dos apelidos de Galicia, do Instituto da Lingua Galega, a distribución dos vosos apelidos nos distintos concellos galegos.
○ no Nomenclátor de Galicia, aqueles topónimos do voso concello que fagan referencia a determinadas características xeográficas ou paisaxísticas que nese lugar houbo antigamente ou que segue a haber hoxe en día (fauna, vías de comunicación, construcións, flora…)
- Que é o ecoloxismo lingüístico? Logo de vos informardes sobre este concepto, debatede en grupo sobre a súa utilidade para a protección da diversidade lingüística en xeral e do galego en particular.
Para irmos rematando e co ánimo de contribuír á difusión de iniciativas innovadoras no terreo da educación e da protección dos ecosistemas terrestres, deixámosvos aquí as ligazóns aos proxectos:
O monte vivo no IES de Ponte Caldelas
Aula Verde. Biocultura por un monte vivo no IES Félix Muriel de Rianxo
Finalmente, engadimos tamén este vídeo da docente Eva López Quiroga que trata do obxectivo número 15 dos ODS.