DÍA 1 – BENVIDAS E BENVIDOS AOS 21 DÍAS CO GALEGO E MÁIS 2024

Xa estamos aquí, benvidas e benvidos aos 21 días co galego e máis 2024!

Esta é unha aventura para ti e o teu galego,

para que o descubras,

para que o gardes no teu corazón,

para que o acariñes,

e para que te acompañe sempre, sempre, sempre ao longo da túa vida

medrando en galego!

Ao longo destes 21 días vante acompañar as alumnas e os alumnos de dez coles de toda Galicia: de Arteixo, do Barco de Valdeorras, de Lugo, de Ourense, de Pontevedra, de Santiago de Compostela, de Sarria, de Teo e de Vigo por partida dobre, que che van contar cousas moi interesantes e tamén van xogar contigo.

Onde nos vemos?

Ao longo destas tres semanas non esquezas as nosas citas diarias:

– Nesta páxina

– Nas nosas redes sociais: Facebook, Instagram, TikTok, X

– Na Radio Galega, de luns a venres no programa Galicia por diante, despois das 10:00 da mañá

– E tamén imos ter como cómplices xente do Dígocho eu! para nos divertirmos mellorando a nosa lingua.

Falamos da nosa lingua

Cando un ten unha lingua o primeiro é falar nela. Vós falades en galego?

Pois imos ver como se vos dá isto de falar galego.

Hoxe comezaremos coa noticia do día, coa inauguración dos 21 días co galego e mais no voso cole. Que fixestes? Que vos pareceu? Foi fermosa?

Por certo, xa puxestes as camisetas? Esas camisetas son as mellores do mundo para falar en galego, cando as pos xa a lingua vai soa, non o notades?

Que vos parece a idea de que todos no cole faledes en galego durante 21 días?

Ti cres que vas botar as tres semanas co galego na boca?

Por certo, non, non ides ter que falar sós, ides contar con todo o cole para falar. Que se ti queres tamén podes falar sen compañía, que ás veces fai moito ben falar a soas, que contigo nunca discutes. E tamén tes todo o mundo fóra do cole, vas levar sorpresa da cantidade de xente que fala galego en canto ti o falas, verás, verás.

Haste de fixar hoxe canta xente che fala galego cando ti llo falas e mañá xa nolo contas no cole.

Eu creo que o galego che senta moi ben, se te miras ben no espello fixaraste que te favorece moito, pónseche a cara así brillante e fermosa como unha mazá reineta.

 

Cantamos e bailamos

Para querer ben unha lingua, para querela de verdade, de verdade, o primeiro é divertirse con ela e para divertirse non vos hai nada mellor que cantar e bailar. Para o primeiro día traémosvos unha canción con moita marcha de Cholo e Nela chamada Ai! Ho! Galego!! que esperamos que vos guste moito. Acabou o tempo de falar, agora toca cantar e bailarrrrrrrrr!

(Preme na imaxe para ver o vídeo)