Día 15 – Reto 3
Hoxe presentámosvos o 3.º reto destes 21 días co galego e +.
Esta semana ides ter que crear un vídeo que estea relacionado coa música ou con outras artes.
Son moitas as producións que podedes realizar nesta terceira semana. Dámosvos algunhas ideas:
– Facer a versión dunha canción popular con pictogramas que axude a aumentar a comprensión de persoas con dificultades de comunicación e linguaxe.
– Estudar a historia dunha canción ou melodía.
– Poñerlle letra a unha base de calquera estilo musical (trap, hip-hop, etc.) que estea libre de dereitos de autoría.
– Explicar a obra de calquera compositor/a, cantante, pintor/a, escultor/a, etc.
– Explicar un movemento artístico (p.ex. as vangardas).
– Facer unha versión dunha canción tradicional con ritmos actuais.
– Recoller e cantar cantigas populares.
– Inventarlle unha letra nova a unha canción popular (p.ex. á Rianxeira).
– Inventar unha canción.
– Realizar unha breve representación teatral dunha obriña galega.
– Amosar mostras do folclore oral da vosa zona.
– Crear regueifas.
– Realizar un anuncio publicitario dunha exposición de pintura ou escultura galegas.
Lembrade que nas nosas producións sempre temos que respectar os dereitos de autoría das persoas creadoras e só podemos usar aqueles materiais que posúan licenzas que nos autoricen á súa utilización.
Deixámosvos uns cantos exemplos:
Marina Vidal, do IES A Pontepedriña de Santiago, realiza unha investigación a partir da letra dunha canción nos 21 Días co Galego e + de 2019:
En AnxoPictogramas, o blog do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda, A Coruña e o CEIP Plurilingüe O Mosteirón, Sada, atopamos esta adaptación dun conto recollido por Antonio Fraguas no Cancioneiro de Cotobade:
Na participación de Regueifesta no Inquedu podedes ver diferentes posibilidades para a utilización da regueifa do alumnado do IES Maximino Romero de Lema e do IES Marco do Camballón:
O EDLG do IES da Pobra do Caramiñal fixo esta biografía regueifada de Antonio Fraguas:
