As consecuencias da intervención humana nos efectos das inundacións

Sabías que as inundacións son o fenómeno natural que máis danos persoais e materiais provoca no noso país? E non se trata só de danos ás persoas, ou danos económicos, senón que afectan tamén aos animais e ao medio ambiente. É importante ter claro que a culpa non é das inundacións que, como xa sabemos, constitúen un proceso natural imprescindible para manter o bo estado dos ecosistemas. Gran parte da responsabilidade témola nós, posto que a intervención do home na natureza non sempre se fixo da maneira máis respectuosa posible, o que provocou un incremento considerable do risco de inundación.
Existen diferentes causas que potencian os danos xerados polas inundacións, aquí en Galicia algunhas delas son a intensidade das precipitacións, as solucións agresivas acometidas coa intención de protexerse de posibles desbordamentos como por exemplo determinadas canalizacións, o cambio climático, ou as accións humanas exercidas sobre os ríos. Adoitamos impermeabilizar os leitos e ocupar as chairas de inundación con construcións e cultivos e iso, inevitablemente ocasiona problemas.
Un río é moito máis que a auga que vemos e todo río necesita o seu espazo. A totalidade do terreo que o bordea, a súa vexetación, areas, pedras, arxilas, sedimentos… todos estes elementos forman parte do río e son fundamentais para que se manteña en bo estado. Todo o que pasa na conca, repercute no río.
O problema vén cando nos atopamos elementos construídos polo home invadindo o seu territorio, xa que é precisamente a presenza de núcleos urbanos e actividades económicas na chaira de inundación dos ríos o que supón o risco.
Tradicionalmente, co obxectivo de protexernos de posibles desbordamentos, implementáronse solucións baseadas na execución de construcións como diques, muros, dragaxes, presas ou encoros, alterando o réxime hidrolóxico e eliminando crecidas necesarias para o correcto funcionamento do sistema fluvial. Este tipo de obras provocaron o aumento da ocupación desas zonas naturalmente inundables, a impermeabilización das concas hidrográficas nalgúns casos ou a presenza de obstáculos que interfiren nos procesos naturais de transporte de caudal e de laminación, aumentando en consecuencia o risco de inundación e as potenciais perdas económicas.
A pesar de que nalgúns casos tratábase das únicas solucións posibles, a tendencia actual é evitar todo o que supoña unha perda da naturalidade e dificulte a consecución do bo estado das masas de auga e os obxectivos ambientais da Directiva Marco da Auga. A conservación da dinámica fluvial dos ríos é compatible cos usos humanos e ese é o reto ao que nos enfrontamos na actualidade: conseguir o equilibrio entre o correcto funcionamento desa dinámica e o desenvolvemento da actividade humana, garantindo así os servizos ecosistémicos que nos proporcionan os ríos, como son a subministración de auga, a regulación de secas e inundacións ou mesmo pragas, ou o soporte de determinados servizos de lecer.
A tendencia é apostar por solucións que buscan unha recuperación do espazo natural, adquirindo especial importancia aquelas baseadas na ordenación do territorio e o urbanismo, a predición de avenidas e a autoprotección. Se respectamos o espazo do río e non construímos tan preto del, deixámoslle marxe para que, no caso de que se produza un incremento importante e repentino de caudal, creza de forma natural e asolague as zonas que lle corresponde sen causar problemas, tendo en conta que a vexetación tamén será de gran axuda en caso de desbordamento, pois grazas a ela a auga flúe máis lentamente e en caso de desbordamento asolagará zonas non perigosas para as persoas.
