A directora de Augas de Galicia participou na xornada divulgativa do PEDARPSI celebrada no CEIP Ledicia de Ferrol

Con motivo do Día Mundial da auga, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, visitou o pasado venres o CEIP Ledicia de Ferrol para participar de primeira man nunha das xornadas divulgativas do Plan Estratéxico de Divulgación das ARPSI de Augas de Galicia
A directora de Augas de Galicia aproveitou a xornada cos escolares do colexio ferrolán para expoñer de maneira didáctica os distintos tipos de medidas de prevención e de preparación que levan a cabo para poder anticiparse á inundación e reducir o seu impacto, centrándose especialmente nas tres áreas fluviais da comarca identificadas como de maior vulnerabilidade: no río Cádavo, ao seu paso por Fene; no río Belelle, en Neda; e no arroio de Aneiros, no concello de Ferrol.
A iniciativa, dirixida a estudantes de primaria, engloba a realización dunha serie de actividades en centros escolares para axudar a comprender aos máis pequenos da casa como funciona a natureza e especialmente os ríos. Cunha duración de aproximadamente unha hora, en cada xornada abórdase o estudo dos cursos fluviais de maneira amable e divertida, un tema científico traducido a unha linguaxe fácil de entender para os máis pequenos da casa.
O obxectivo é conseguir facer consciente á poboación escolar da influencia das nosas accións sobre os ecosistemas e que coñezan o Plan de Xestión do Risco de Inundacións, ademais da maneira na que cada un de nós pode axudar para que teña éxito.
Tras unha breve presentación da xornada, as regras do taller e os personaxes protagonistas da campaña, o monitor proxecta unha breve peza audiovisual na que se explica en que consisten as inundacións, por que se producen ou como debemos comportarnos en caso de atoparnos nunha situación de risco, entre outros aspectos. Os alumnos expoñen as súas dúbidas e intercambian impresións sobre o vídeo cos seus compañeiros, ademais de localizar o seu concello a través de Google Earth e o visor de Augas de Galicia, facendo fincapé na posición de elementos destacados como o concello, o río, ou o colexio e relacionándoos coas zonas de risco de inundación. A continuación, realízase un breve experimento e un concurso de preguntas e respostas para amenizar a xornada, conseguir a participación de todos os alumnos, facer que sentan capacitados e amplíen o seu coñecemento sobre o tema.
Os contidos das accións divulgativas foron deseñados totalmente de acordo aos obxectivos curriculares para Educación Primaria, adaptando a información especificamente ao público infantil ao que se dirixe, de forma clara, sinxela e útil para crear experiencias de aprendizaxe significativas.
O CEIP Xesús San Luís de Carballo foi o primeiro en acoller estas xornadas, que desde entón xa se celebraron en moitos outros concellos como A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Fene, Cedeira, Cambre, Culleredo, Ponteceso, Betanzos, Pontevedra, Brión, Foz, Viveiro, Bueu… e están ao dispor de todas as ARPSIs do grupo IV.
