A influencia do cambio climático na xestión de inundacións

Inundacións en Bueu.

 

O impacto do cambio climático na xestión de inundacións é un tema de crecente preocupación e estudo a nivel global. A pesar de que a incerteza persiste, hai consenso entre a comunidade científica e os xestores de recursos hídricos sobre a necesidade de profundar no coñecemento desta influencia para desenvolver estratexias de adaptación eficaces. A Directiva de Inundacións da Unión Europea xa senta precedente ao identificar o cambio climático como un factor clave no impacto de inundacións, establecendo requisitos para telo en conta na Avaliación Preliminar do Risco de Inundación (EPRI) e na elaboración e revisión dos Plans de Xestión do Risco de Inundación (PGRIs).

 

O cambio climático, impulsado pola actividade humana, modificou os patróns de choiva aumentando a súa frecuencia e intensidade especialmente en certas rexións e provocando un incremento exponencial dos riscos de inundación. Por outra banda, este desafío global tamén estimulou a innovación e a cooperación internacional cara a un desenvolvemento máis sostible e resiliente, conseguindo que comunidades en todo o mundo adopten enfoques máis respectuosos co medio ambiente para a xestión da auga e a planificación urbana. A implementación de infraestrutura verde, a creación e restauración de humidais, a reforestación de concas hidrográficas ou o desenvolvemento de espazos verdes urbanos son algúns exemplos de solucións baseadas na natureza que non só mitigan os efectos das inundacións, senón que tamén melloran a calidade do aire e da auga.

 

Ademais, grazas ao esforzo en concienciación e educación ambiental que se ven facendo por parte das institucións sobe todos nos últimos anos, estase a conseguir unha maior consideración dos beneficios das inundacións e a importancia de vivir en harmonía coa natureza. A través deste tipo de iniciativas, as comunidades están aprendendo a adaptarse á variabilidade climática, adoptando prácticas de construción sostible e sistemas de alerta temperá que reducen a vulnerabilidade e aumentan a preparación fronte a episodios en condicións extremas.

 

A existencia dunha xestión integrada de recursos hídricos que considere o cambio climático, non só para previr e manexar inundacións, senón tamén para protexer os ecosistemas e as persoas dependentes deles é fundamental. A colaboración entre científicos, xestores de recursos e actores políticos tamén resultará imprescindible para desenvolver e implementar estratexias eficaces que mitiguen os impactos do cambio climático, permitindo non só aproveitar o coñecemento máis actualizado senón ademais ter presentes as necesidades e perspectivas de cada unha das partes.