En que consiste o Plan Estratéxico de Divulgación das ARPSI?

Un dos obxectivos prioritarios de Augas de Galicia é incrementar a concienciación sobre o risco de inundación nas Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) de grupo IV que presentan un maior risco e perigo, e precisamente para conseguilo deseñamos o PEDARPSI (Plan Estratéxico de Divulgación das ARPSI).

Que é o PEDARPSI?

O apartado de prevención e preparación do programa de medidas do PXRI, está orientado a mellorar a conciencia pública na preparación para as inundacións, incrementar a percepción do risco de inundación e as estratexias de autoprotección na poboación, os axentes sociais e económicos. Como eixo para desenvolver esta medida, Augas de Galicia elaborou unha estratexia de comunicación do risco de inundación que se plasmou no Plan Estratéxico de Divulgación das ARPSIs (PEDARPSI) que está a levar a cabo.

Cales son os seus obxectivos?

Trátase dun plan dirixido á poboación residente na contorna das ARPSIs ou núcleos de poboación máis próximos e ao público infantil, que persegue os seguintes obxectivos:

  • Dar a coñecer os fenómenos das inundacións e as medidas propostas para minimizar os danos producidos por elas
  • Incrementar o coñecemento sobre o comportamento natural do río e como inflúen sobre el as nosas accións
  • Manter viva a memoria histórica dos episodios de inundación sufridos na ARPSI e concienciar da importancia da prevención neste senso
  • Informar sobre como actuar durante un episodio de inundación

Que actuacións ten previstas para os concellos?

  1. Instalación de elementos de sinalización específicos en cada área.
  2. Actividades divulgativas en centros de ensinanza primaria para trasladar a filosofía do Plan á poboación escolar a través de contidos adaptados ao público infantil de forma clara, sinxela e útil.
  3. Desenvolvemento de accións de comunicación. Campañas de divulgación orientadas a dar a coñecer no ámbito dixital todo o relacionado cos ecosistemas fluviais, recalcar a importancia da prevención e como comportarse axeitadamente en caso de inundación, ás que se dará difusión nas redes sociais e no blog de Augas de Galicia.

Aínda que a poboación asentada nas zonas de potencial risco de inundación e nos núcleos máis próximos son os primeiros afectados e os que necesitan ter moi clara toda a información para comprender os riscos ao 100%, todos debemos ser conscientes dos riscos que supoñen as inundacións e somos responsables de contribuír na medida do posible a minimizar os efectos negativos que poden ocasionar.