Onde vai a auga que empregamos en casa?

Na actualidade empregamos inxentes cantidades de auga para todo tipo de usos, tanto nos nosos fogares como noutras instalacións que visitamos na nosa vida cotiá como o traballo, os ximnasios, as fontes dos parques ou outros escenarios. Pero ata que a auga chega ás nosas casas ten que completar unha serie de fases e procesos que integran o chamado ciclo integral da auga. Este ciclo abrangue o percorrido que fai desde que se recolle da natureza, ata que chega ás nosas casas de xeito seguro e finalmente se devolve de novo ao medio.

Coidar do ciclo integral da auga é en definitiva coidar da auga,  un ben tan escaso como imprescindible que debemos preservar. A continuación, contámosvos como é o proceso.

 

Coñeces o ciclo integral da auga?

Sabías que o ciclo integral da auga comeza no medio natural? Os ríos, lagos, encoros e o mar son algunhas das fontes que proporcionan a auga que chega aos nosos fogares. Non obstante non podemos consumila directamente, ten que ser tratada previamente.

Para conseguir que a auga chegue a un estándar de calidade óptimo para o seu consumo é necesario sometela a varios procesos químicos e de desinfección nos que se eliminan residuos, contaminantes e microorganismos. Nas Estacións Depuradoras de Tratamento de Augas (ETAP), prodúcese a auga óptima para o consumo someténdoa a diferentes procesos nos que se eliminan as partículas contaminantes, para que finalmente chegue aos fogares a través da rede de distribución.

Unha vez que chega ás nosas casas os usos que facemos da auga engádenlle ao recurso hídrico determinados axentes contaminantes como os xabóns ou produtos de limpeza, restos de comida, ou augas fecais, polo que a auga que chegou apta para o noso consumo xa non o é, e debe ser tratada de novo, nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR).

O proceso de depuración ten a finalidade de reducir ao máximo os axentes contaminantes para poder devolver a auga ao medio natural de onde proven e non prexudicar os seus ecosistemas. Finalmente unha vez depurada vértese ao medio natural, e complétase así o ciclo integral da auga, que volve comezar para o abastecemento da auga.

En Augas de Galicia exercemos un control en tódolos procesos do ciclo para que non se produza ningunha alteración e que a auga chegue de xeito correcto a cada unha das fases do percorrido. Coa conservación e limpeza dos ríos, evitamos os atoamentos e o estancamento da auga para que flúa pola canle. Nas estacións potabilizadoras e depuradoras controlamos os procesos químicos eliminando os contaminantes do recurso hídrico. Finalmente co Plan de Control de Vertidos perseguimos que tódolos vertidos sexan de augas de calidade idónea para o medio e emendamos aqueles que non o son.

Que facemos en Augas de Galicia para mellorar o ciclo da auga?

O ciclo integral da auga é un proceso indispensable para que á hora de consumila sexa da mellor calidade posible, e tamén para que cando volte ao seu medio receptor, como son os ríos, lagos ou ao mar, o faga sen prexudicar ao medio ambiente.

Este ciclo da auga é vital para a nosa supervivencia xa que precisamos da auga para a vida. Aínda así en Augas de Galicia, pensamos que elevando os nosos esforzos podiamos facer este ciclo moito máis sostible coa finalidade de preservar o medio ambiente.

Así xurdiu Innovaugas 4.0, un proxecto promovido por Augas de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). O obxectivo do programa e acadar unha xestión da auga avanzada, optimizando os nosos recursos hídricos, ao mesmo tempo que da resposta as necesidades dos seus usos, mantendo un equilibrio co medio natural e cos ecosistemas fluviais, respectando ao medio ambiente, e atendendo aos novos escenarios ante o cambio climático.