Que son as Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación?
As Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs) son aquelas zonas que, tras unha avaliación previa realizada polas autoridades competentes en materia de augas, costas e protección civil, foron identificadas como especialmente vulnerables ante unha situación de inundación.
Esta avaliación elabórase a partir de toda a información dispoñible, por exemplo datos rexistrados ou estudos de evolución a longo prazo, valorando tamén o impacto do cambio climático e tendo en conta as circunstancias concretas de ocupación do chan, a existencia de infraestruturas e actividades para proteción fronte a inundacións e a información do Sistema Nacional de Cartografía de Zonas Inundables e as Administracións competentes na materia.

Imaxe: Oroso (A Coruña).
Como se clasifican as ARPSIs?
Na demarcación hidrográfica de Galicia costa, as ARPSIs clasifícanse atendendo a diversos factores, como o grao de urbanización ou o risco. Así, por exemplo, na zona de Galicia interior, onde a urbanización é dispersa e de economía principalmente rural, os danos serán reducidos e controlables con medidas non estruturais e menos específicas; mentres que na zona costeira (máis urbanizada e de economía diversa) increméntase a probabilidade de que o dano sexa maior, o que esixe estudos máis complexos.
O risco valórase atendendo a criterios como as características territoriais, as causas das inundacións, a poboación situada en zona inundable, a tipoloxía dos elementos afectados, a situación na conca (tempo de resposta) e a sustentabilidade das medidas propostas. A partir desta valoración establécense 5 grupos de ARPSIs diferentes:
• GRUPO I: Constitúeno as ARPSIs de risco moi baixo, zonas moi rurais sen elementos singulares e ata 50 habitantes en zona inundable.
• GRUPO II: ARPSIs de risco baixo, máis urbanas ou en zonas rurais con máis de 50 habitantes afectados.
• GRUPO III: ARPSIs de risco medio-baixo, nas que se realizan estudos adicionais durante o ciclo de planificación.
• GRUPO IV: ARPSIs de risco alto que esixen estudos máis completos e plans específicos.
• GRUPO V: Inclúe as ARPSIs de tipo costeiro coas medidas definidas pola Dirección Xeral da Sustentabilidade da Costa e o Mar.
Augas de Galicia desenvolveu a finais do 2021 unha estratexia de comunicación do risco de inundación que se plasmou no Plan Estratéxico de Divulgación das ARPSIs (PEDARPSI) para atender especialmente nas ARPSIs do Grupo IV o bloque de medidas de prevención e preparación do PXRI, orientadas a concienciar á cidadanía sobre a importancia da preparación de cara as inundacións, incrementar a percepción do risco de inundación e dar a coñecer estratexias de autoprotección entre a poboación.
