Conferencia “De que falamos cando falamos do Camiño. A idea europea do Camiño de Santiago”
O luns 19 o profesor Juan Monterroso da Universidade de Santiago de Compostela impartiu a charla “De que falamos cando falamos do Camiño. A idea europea do Camiño de Santiago” para o alumnado do Módulo IV da ESA do IES Lama das Quendas. Unha conferencia moi amena, acompañada de diapositivas con imaxes coas que nos fomos achegando ás relacións existentes entre o fenómeno xacobeo, a literatura, a historia e a arte ao longo da Península Ibérica. Aprendemos tamén o significado e a orixe dos signos do Camiño (a vieira e a frecha amarela), tan presentes na actualidade nos lugares polos que pasan os peregrinos.
Deixámosvos algunhas imaxes e a reflexión de dous alumnos que asistiron á conferencia:

A charla do luns do profesor Juan Monterroso da Universidade de Santiago de Compostela estivo moi interesante, xa que había aspectos do Camiño de Santiago que eu descoñecía: non sabía que era tan longo nin que tiña tantos traxectos.
Chamoume moito a atención que dentro da igrexa de San Domingo de la Calzada conservan unha especie de altar e dentro teñen galos e galiñas. Tamén me sorprendeu o tema das reliquias escondidas, pois ás veces, ao longo da historia, escondéronse, apareceron e volveron ocultarse e en moito tempo non apareceron.
O único aspecto negativo é que o profesor que impartiu a charla empatizou pouco con nós e case non se parou nada durante a exposición, de modo que nalgún momento foi difícil de seguir. Con todo, pareceume moi interesante e estivo moi ben.
Jesús Fernández Moure
O Camiño de Santiago comprende unha serie de rutas de peregrinación cristiá de orixe medieval e parte dos Pireneos Occidentais ata chegar a Santiago de Compostela.
En Santiago de Compostela é onde se cre que se atopa a tumba de Santiago Apóstolo. O culto a este Apóstolo esténdese a toda a cristiandade e iso levou á creación dunha infraestrutura dende os Pireneos ata Galicia. Ao longo dese percorrido edifícanse hospitais, refuxios… para poder atender os peregrinos. Todo isto fai que o Camiño sexa un lugar de encontro e de intercambios culturais entre diferentes países europeos.
O conferenciante tamén nos falou dos marabillosos monumentos que podiamos visitar durante o Camiño. Chamoume especialmente a atención a catedral de Santo Domingo de la Calzada, dado que ten unha galiña e un galo vivos na súa capela. Sendo isto un fito clave no Camiño, contounos a súa lenda, de aí un dito que di: “Santo Domingo de la Calzada, en donde cantó la gallina después de asada”.
Seguindo o Camiño, achegounos ao final do destino, Santiago de Compostela, e explicounos que co paso dos anos apenas cambiara. E por último veunos a dicir que aínda que moitos peregrinos rematan a súa peregrinación na catedral de Santiago, outros remátana en Fisterra “o Cabo do Mundo”, retomando así unha tradición cristiá moi antiga.
O que máis me gusta do Camiño é que o Camiño é un lugar de unión de diferentes culturas.
Elena Belén Novoa Rodríguez.