Conferencia “Árbores e arboredos senlleiros en Galicia”, Antonio Rigueiro Rodríguez

O luns 3 de maio de 2021 Antonio Rigueiro Rodríguez, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC no campus de Lugo, impartiu a charla “Árbores e arboredos senlleiros en Galicia”. Os alumnos/as presentes realizaron un percorrido polos exemplares e conxuntos de árbores máis distinguidos de Galicia que conforman o Catálogo de Árbores e Formacións Senlleiras. Trátase dunha obra en continua revisión, pois hai altas e baixas regularmente en función de varios criterios (idade, tamaño, vitalidade, interese cultural…). Na actualidade está conformado por 157 árbores e 40 formacións das cales o 22% se sitúan na provincia de Lugo.

A maioría das formacións e exemplares compilados atópanse nas provincias de Pontevedra e A Coruña, especialmente en castelos, pazos e casas señoriais, pois son as que gozan dunha densidade de poboación máis destacada e tamén de condicións de tipo climático que favorecen as especies. Así mesmo, tamén se acusa a presenza de árbores de especial importancia en xardíns, alamedas, paseos, prazas, parques, soutos, fragas, bosques e, por último, en mosteiros e igrexas. É de interese sinalar que moitas das entradas se corresponden con árbores situadas en concellos polos que pasa algún dos Camiños a Santiago e outros en lugares moi próximos ao centro.

A especie con máis representación é o carballo, seguida do castiñeiro, o eucalipto e a camelia. Algúns dos exemplares que espertaron a nosa atención foron:

  • A metasequoia do pazo de Lourizán ten unha antigüidade de 70 anos e está considerada a máis antiga de Galicia e posiblemente de España.
  • A figueira da casa da Matanza, pois crese que é a figueira á que alude Rosalía de Castro no seu poema “Adiós ríos, adiós fontes”.
  • O castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda).
  • O castiñeiro da Capela (Begonte).
  • O carballo de Cartelos (Carballedo), considerado o mellor de Galicia e un dos mellores de España.
  • O carballo da Casa do Herdeiro (Carballedo).
  • A carballeira de San Lourenzo (Santiago de Compostela).
  • O souto de Ruibal, onde os castiñeiros de Uxío Novoneyra están marcados coa letra N.
  • A devesa de Cartelos (Carballedo).

Despois dun breve coloquio, o relator animounos a realizar un catálogo das especies máis significativas do concello co fin de dalas a coñecer e lograr a súa protección ante posibles ameazas que poidan ter nun futuro. En relación con esta actividade está prevista unha saída do centro para coñecer de primeira man o carballo de Cartelos.

 

Deixámosvos unhas fotos e a reflexión que fixo sobre a conferencia un dos nosos alumnos, José Luis Diéguez Porto:

Unha charla moi interesante, onde falaron das árbores que están catalogadas como senlleiras en Galicia dende o ano 2007, que foi cando comezaron con este proxecto.

As árbores que entran no catálogo non só se deben á súa idade ou tamaño, tamén se inclúen: por onde se atopan, polo seu valor sentimental, algúns motivos de tipo relixioso etc.

A miña opinión sobre a charla é moi favorable, gustáronme moito os castiñeiros centenarios polo volume do tronco, os carballos polas súas dimensións e altura e a camelia do pazo de Oca, unha das máis grandes, non só de España, senón de Europa.

A Xunta de Galicia deu un importante paso na protección deste particular patrimonio natural coa creación do Catálogo de árbores senlleiras, unha forma de protexer e coidar estes exemplares.

Co paso dos anos, introdúcense novas árbores e tamén se descatalogan algunhas, porque morren, outras son cortadas ou decotadas por posibles perigos que poidan producir ou causar.

Gustaríame facer varias excursións, ver estes exemplares, as zonas onde se atopan e os seus valores.

Actualmente, a provincia con máis exemplares rexistrados é Pontevedra, seguida da Coruña, Lugo e Ourense.