Actividades nos centros: Os alumnos/as do IES A Pinguela de Monforte de Lemos farán un itinerario didáctico pola Ribeira Sacra

Como remate da súa participación no programa, o alumnado de 3º da ESO do IES A Pinguela de Monforte de Lemos e o seu profesorado, farán un percorrido didáctico polo territorio da Ribeira Sacra o día 22 de maio. Ao longo do itinerario, guiados por Mar Bóveda López, especialista en didáctica do patrimonio que preparou os contidos da visita, poderán contemplar a transformación do territorio para desenvolver a viticultura heróica e de montaña, coñecerán de primeira man os oficios tradicionais da comarca, a arquitectura e os elementos etnográficos máis relevantes así como a tradición oral, o folclore e o patrimonio inmaterial.

Esta actividade inclúe, entre outros lugares, a visita guiada ao Ecomuseo de Arxeriz (Arxeriz-Fión, O Saviñao), que se atopa nun pazo do século XVII e conta cunha finca de 35 Ha. fronte ao lugar coñecido como o “Cabo do Mundo”. Para saber máis sobre este museo, podedes visitar as seguintes webs: www.ecomuseodearxeriz.org e www.sotodefion.org